Situación actual dos superviventes de cancro
O 6 de xuño conmemórase o Día Mundial do Supervivente do Cancro. Con tal motivo, a Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia vai celebrar mañá venres, 4 de xuño, a xornada “Onco-balneoterapia: o coidado do paciente oncolóxico no contorno termal”. O encontro, que terá lugar no Talaso Atlántico de Oia, será inaugurado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o director da cátedra, o doutor Juan Gestal. Servirá para medir a situación actual dos superviventes a esta enfermidade, que se presenta como novo reto asistencial do sistema sanitario español.
O director médico do centro de talasoterapia Talaso Atlántico, Salvador Ramos, centrarase nos superviventes do cancro como un novo reto asistencial, ao tempo que se referirá aos centros termais como modelo de “terceiro espazo” para unha atención integral ás persoas afectadas por esta enfermidade.
“Cando falamos do paciente oncolóxico adoitamos referirnos á fase aguda da enfermidade pero hai unha fase máis longa posterior, cunha cantidade moi numerosa de pacientes que teñen unhas necesidades moi particulares. O problema é que a atención aos efectos secundarios, secuelas e complicacións que xorden despois da fase aguda provoca que o modelo sanitario actual estea sobrecargado. Cómpre modificar o xeito de atender a estes pacientes e os centros termais poden formar parte desa nova atención. Nesta liña, Europa conta con múltiples experiencias nos coidados post-cancro. E Galicia tamén é pioneira a través de programas enfocados a pacientes oncolóxicos que xa pasaron a enfermidade” -explica o doutor-.
O doutor Ramos salienta que a potencialidade dos centros termais para atender a demanda destes pacientes é moi reseñable porque rompen co contorno ao que os enfermos están acostumados, os hospitais. Ofréceselles un ambiente natural e apracible e as técnicas que se empregan son pouco agresivas e moi útiles para atender os efectos secundarios que provocan os tratamentos. Ademais, son persoas que precisan que se lles anime, ao tempo que cómpre reeducalas para que adopten hábitos de vida saudables posto que hai estudos que confirman que unhas determinadas pautas de alimentación, a realización de exercicio físico e a ausencia de estrés contribúen a lograr resultados moi positivos en relación á recuperación do seu benestar físico e mental.
Segundo os datos aportados polo doutor, a incidencia de cancro en España é duns 250.000 casos cada ano, cifra que se vai incrementando e que nestes intres ascende a 1,5 millóns de persoas. E cada ano súmase a cifra de pacientes que superan o cancro, posto que o índice de supervivencia é cada vez maior, superior na actualidade ao 50% -55,5% no caso dos homes e no 61,7% no das mulleres-, o que require unhas necesidades asistenciais moi específicas, tendo en conta ademais que os efectos secundarios poden aparecer a moi longo prazo. Estímase que cada ano hai no noso país 100.000 novos casos de persoas que lograron superar a enfermidade.
ESPAÑA Y PORTUGAL
Na xornada intervirán ademais Manuel Constenla, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHU de Pontevedra, Montecelo, que abordará o cancro como un problema sociosanitario de extraordinaria magnitude. Pola súa parte, Eduardo Ortega, catedrático de Fisioloxía da Universidad de Extremadura, afondará no efecto inmunomodulador da cura balnearia. E a terapeuta e esteticista Marta López achegarase á estética reparadora, en particular ás técnicas hidrotermais que se empregan para tratar as secuelas que a enfermidade deixa sobre a imaxe persoal destes pacientes.
No transcurso do encontro celebraranse varias mesas redondas nas que se relatarán diferentes experiencias onco-balnearias en España e Portugal. Galicia preséntase como unha comunidade pioneira neste eido, a través da realización de actividades e publicacións; formación para pacientes, profesionais e estudantes; realización de exercicio físico e outros tratamentos con pacientes oncolóxicos en balnearios… ata a creación dun centro de apoio a pacientes. O evento concluirá cun taller de climatoterapia, no que se realizará un percorrido polo contorno do talaso.