Preto de 2,2 millóns de galegos están chamados mañá a votar nunhas 4.000 mesas repartidas por 2.400 colexios electorais
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o centro de prensa dende onde mañá se difundirán os resultados das Eleccións ao Parlamento de Galicia, nas que están chamados a votar 2.234.152 galegos, nas 3.952 mesas distribuídas polos 2.395 colexios electorais.
Alfonso Rueda estivo acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que se encargará mañá das comparecencias aos medios de comunicación.
O censo electoral para estas eleccións ao Parlamento galego ascende a 2.697.315 persoas xa que, aos máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 463.163 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).
O electorado contará con máis de 32 millóns de papeletas e 3,3 millóns de sobres de votación. Ademais, e como medidas de prevención á covid-19, a Xunta porá a disposición dos electores case 2,4 millóns de mascaras cirúrxicas, máis de 40.000 botes de xel hidroalcohólico e ao redor de 47.000 pantallas faciais para os membros das mesas electorais.
Está previsto que ao longo do día de mañá se produzan polo menos catro comparecencias do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. A primeira ás 10,30 horas para dar conta da apertura de mesas e posibles incidencias; outras dúas para trasladar os avances de participación, ás 12,30 e ás 17,30; e outra máis unha vez o reconto estea avanzando para informar dos resultados do escrutinio, a partir das 21,30 horas.
PROTOCOLO
Alfonso Rueda lembrou que para o día de mañá está activado o protocolo de medidas de prevención sanitaria, que é un protocolo de máximos para que se poida votar con todas as garantías e que inclúe todas as medidas de seguridade que estaban previstas para calquera circunstancia adversa.
Así, estarán despregados en todos os locais electorais preto de 3.900 representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. Haberá alomenos un en cada local electoral para regular o acceso e controlar que se cumpren as medidas do Protocolo de seguridade.
EN TIEMPO REAL
O vicepresidente da Xunta tamén lembrou ques está dispoñible para descarga a aplicación móbil que permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran mañá e que pode instalarse desde os markets de Android e iOS.
Ademais, todos os cidadáns poderán ter acceso aos datos en tempo real na páxina web
https://resultados2020.xunta.gal, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos e datos de participación segundo se vaian recibindo, incluíndo comparativas coas eleccións do 2016.
Ademais da app e da web de resultados, cómpre destacar que a Xunta tamén ten operativa a páxina web https://eleccionsgalicia2020.gal/, onde se centraliza toda a información de interese relacionada co proceso electoral.
VISITA
Durante a xornada de hoxe e mañá, un representante do Goberno catalán está visitando o centro de proceso de datos e o de difusión de resultados. Durante o domingo, tamén visitará locais electorais para coñecer as medidas de prevención da covid-19 implantadas.
Total Galicia A Coruña Lugo Ourense Pontevedra Censo 2.234.152 927.938 275.364 257.826 773.024 Censo CERA 463.163 160.094 67.605 101.400 134.064 Censo total 2.697.315 1.088.032 342.969 359.226 907.088 Mesas 3.952 1.543 536 542 1.331 Deputados a elexir 75 25 14 14 22 Candidaturas 56 14 13 13 16 Municipios 313 93 67 92 61 Locais electorais 2.395 903 406 418 668 Membros de mesa Titulares 11.856 4.629 1.608 1.626 3.993 Suplentes 23.712 9.258 3.216 3.252 7.986 Rep. Administración 2.667 1.028 415 428 796
MEDIOS MATERIAIS
Papeletas: 32.290.808
Sobres votación: 3.351.210
Máscaras: 2.200.523 + 190.000 (reserva) = 2.390.523 máscaras cirúrxicas
Xel hidroalcohólico: 39.520 + 3.800 (reserva) = 43.320 botes
Pantallas de protección: 43.472 + 3.800 (reserva) = 47.272 pantallas faciais