Falece o arquitecto Carlos Martí coordinador do libro 'Santiago de Compostela: la ciudad histórica como presente'

O acto de presentación do libro, que tivo lugar no Pazo de Bendaña en 1995. De esquerda a dereita: o urbanista Ánxel Viña, Juan Conde, Xerardo Estévez e Carlos Martí. ARQUIVO.

O arquitecto

Carlos Martí Arís faleceu o pasado 1 de maio por coronavirus. O

Consorcio de Santiago lamenta a súa perda e lembra a colaboración que o recoñecido

profesional mantivo co organismo no ano 1995, data da publicación do libro Santiago

de Compostela: la ciudad histórica como presente, do que foi coordinador.

Esta

publicación, editada en castelán e inglés, con introdución do arquitecto e

exalcalde de Santiago de Compostela Xerardo Estévez, é unha magnífica obra de

máis de 300 páxinas. A través de estudos realizados por prestixiosos

arquitectos e urbanistas, analízase a estrutura física da cidade histórica compostelá,

contemplándoa como artefacto, como arquitectura. Establécese unha relación

activa cos monumentos e os lugares do pasado; unha relación que, máis aló da

simple admiración contemplativa, permítenos recoñecer os valores da historia e

apreciar a súa vixencia no presente.

A primeira

parte deste volume está formada por cinco traballos de investigación sobre o casco

histórico da cidade de Santiago, onde se fai unha valoración da arquitectura e

do urbanismo desde a Idade Media ata os nosos días. Un destes autores foi

Carlos Martí Arís, quen abordou La ciudad histórica como presente. Na

segunda parte do volume recóllense diversas intervencións na cidade histórica.

Ante esta

noticia, o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde,

manifesta: “Teño un grato recordo del. Mantivemos unha estreita colaboración no

proceso de preparación do libro. Era un gran profesional que demostrou un profundo

coñecemento da historia do urbanismo de Santiago, aínda sendo de Barcelona.

Sinto de verdade a súa perda. Era unha gran persoa”.

TRAXECTORIA PROFESIONAL

O arquitecto faleceu na súa cidade natal,

Barcelona, aos 71 anos de idade. Ademais do campo da construción, gozou dunha

ampla traxectoria profesional como docente; foi profesor de proxectos da

Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona (que o recoñeceu como magister

honoris causa) e tamén no

Politécnico de Milán. No eido da teoría, publicou e

editou unha longa lista de libros. Como arquitecto comprometido co seu contorno

e cos cidadáns, asinou, xunto ao seu socio, Antonio Armesto, varios barrios de

vivendas sociais e parques en Cataluña.

Era

un firme defensor da “cidade para os cidadáns”, lema da revista 2C

Construcción de la ciudad, que codirixiu durante 13 anos. Destacou tamén

pola súa entrega cara ao colectivo; nesta liña, destaca a súa colaboración no deseño

e construción de máis de 30 vivendas en Alxeria en 1975.