Emigración achega información práctica do retorno a Galicia para os preto de 150 beneficiarios das BEME aos seus respectivos países
A Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Asociación de Jóvenes Emigrantes en Galicia e as tres universidades públicas galegas, vén de poñer en marcha por primeira vez unhas xornadas informativas para orientar os preto de 150 beneficiarios da Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos trámites previos ao seu establecemento en Galicia, xa que a meirande parte deles proceden do estranxeiro. O obxectivo das xornadas informativas é achegar ata os respectivos países de procedencia dos mellores expedientes académicos de mozos galegos residentes no exterior asesoramento sobre cuestións previas ao seu establecemento na comunidade que lles axuden a axilizar e coñecer os diferentes trámites que terán que levar a cabo.
As sesións virtuais, que se distribuirán en función da universidade pública galega que ofreza o mestrado seleccionado por cada alumno, contarán coa participación dos vicerreitores das tres institucións, representantes da Consellería de Sanidade e bolseiros de anteriores edicións para abordar temas relacionados co curso académico, o sistema sanitario e o covid-19, e cuestións prácticas como a busca de vivenda e os costumes e cultura galegas.
UNIVERSIDADE DE VIGO
Así, a primeira das xornadas, que se celebrarán todas en horario de tarde para que poidan asistir os bolseiros que aínda se atopen nos diferentes países de América nos que residen, tivo lugar cos inscritos nos mestrados da Universidade de Vigo, un total de 57. Durante hora e media, os participantes asistiron ás explicacións dos diferentes poñentes e, ao remate das exposicións plantexaron as súas preguntas.
Do total de bolseiros da cuarta convocatoria das BEME, 54 residen na Arxentina, 20 en Venezuela, 16 en México, 13 no Uruguai, 12 no Brasil, 10 no Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 en Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, e 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suíza, respectivamente. A idade media dos beneficiarios deste programa da Secretaría Xeral da Emigración sitúase en 29 anos, sumando a maioría dos alumnos entre 22 e 30 anos de idade. Ademais, as mulleres concentran o 56% das bolsas, mantendo así a tendencia que experimenta esta iniciativa pioneira do Goberno galego desde a súa primeira edición, no curso 2017/2018.
RETORNA 2020
As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior está incluído dentro da Estratexia Retorna, o primeiro plan integral de retorno de España, que persegue incentivar o retorno dos cidadáns galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia a través dun total de máis de 60 medidas tanto específicas como transversais.