César Antonio Molina, nomeado Académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) acaba de nomear Académico de Honra ao escritor, profesor, crítico, político e xestor cultural César Antonio Molina, na sesión ordinaria celebrada o pasado 23 novembro.
A Academia realiza este nomeamento “en virtude dos
seus méritos como escritor, profesor, crítico e xestor cultural”. Tamén se
resalta o feito de que fose un dos impulsores da candidatura da Torre de
Hércules para converterse en Patrimonio da Humanidade, finalmente declarada no
ano 2009, unha vella proposta da RAGBA. Así mesmo, valóranse os seus cargos de
director do Círculo de Bellas Artes de Madrid desde 1996 ata 2004 e de director
do Instituto Cervantes entre os anos 2004 e 2007. Neste último caso, a
institución recoñece que “desde a súa chegada a este cargo reforzou a súa
expansión, coa apertura de numerosas sedes por todo o mundo”. E aplaude tamén
“a súa importante xestión como ministro de Cultura” no Goberno de José Luis
Rodríguez Zapatero desde o 8 de xullo de 2007 ata o 7 de abril de 2009.
César
Antonio Molina Sánchez (A Coruña, 1952) posúe unha ampla traxectoria como
polígrafo. Licencouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e
en Ciencias da Información pola Complutense de Madrid. Doutorouse cum laude co traballo de investigación
“La prensa literaria española”, publicado en tres volumes. Foi profesor da
Complutense e nos últimos anos na facultad de Humanidades y Periodismo da
Universidad Carlos III de Madrid. Durante varios anos coordinou os Cursos de
Humanidades da Universidad de Verrano de El Escorial.
Como xornalista e escritor, mantivo como leit motiv a súa cidade natal e a Torre
de Hércules. Mesmo rescatou, estudou e fixo posible a publicación da revista
Alfar, interaccionando arte, sociedade e literatura; “aspecto que sempre coidou
enormemente cunha ansia informativa e formativa”. Entre 1985 e 1996 traballou
en Cambio 16 e Diario 16, onde foi director adxunto e responsable das páxinas
de Cultura e Espectáculos, así como dos Suplementos “Culturas” e “Libros”.
É autor de seis tomos titulados “Memorias de
ficción”, crónicas de viaxes e crítica de arte e literaria. Dende a Academia
salientan que “como director-xestor, reanimador do Círculo de Bellas Artes de
Madrid, sempre deu pulo aos creadores galegos. E na súa etapa como director do
Instituto Cervantes, a presenza de creadores galegos foi sempre constante en
exposicións e conferencias”.
“Na súa etapa como ministro de Cultura Galicia e A
Coruña estiveron nas súas prioridades, ao tempo que apoiou tanto á Academia
Galega de Belas Artes como a outros coletivos artísticos e literarios da
comunidade” -apuntan dende a RAGBA-. Por outro lado, realizou a doazón de toda a súa biblioteca, con preponderancia de
volumes sobre Historia da Arte, á Deputación da Coruña.
Condecoracións e recoñecementos
Entre as súas condecoracións e recoñecementos,
recibiu o Premio Fernández Latorre (2004), Cabaleiro das Artes e das Letras de
Francia (2005), Cabaleiro Gran Cruz da Orde de Carlos III (2009), Gran Cruz da
Orde ao Mérito da República Italiana (2009) e a Condecoración Orde ao Mérito de
Bernardo O´Higgins (Chile, 2009). É Doutor Hornoris Causa de varias
universidades, entre elas a Universidade de Nápoles, A Oriental (2009). Foi
Medalla Castelao de Galicia (2010), Medalla de Ouro ao Mérito da República de
Serbia (2017), Premio Literario das Letras de Bretaña (2007) e Premio
Internacional de Periodismo de Cáceres (2015).