Alicia Tojeiro Ríos, mestra no CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros, premio Educa en Educación Primaria
A plataforma educativa EDUCA e a Obra Social ABANCA, Afundación, renderon homenaxe aos mellores docentes de España este sábado na gala de entrega da cuarta edición dos Premios EDUCA ABANCA, que este ano se celebrou de forma telemática para garantir a seguridade sanitaria tanto dos docentes distinguidos como do resto dos asistentes. O evento puido seguirse en directo a través de Afundación TV.
Os 50 profesores e profesoras finalistas, dez por cada unha das cinco categorías establecidas, foron unha vez máis os protagonistas do acto. Todos eles recibiron este recoñecemento pola súa boa práctica e a dedicación á súa profesión nun ano marcado pola pandemia da covid-19 que foi especialmente complicado para todos os profesionais do ensino.
Na gala reservouse un lugar destacado para os cinco gañadores, que nesta edición foron Paola de la Cruz Sánchez, profesora no Centro Dinoschool de Torrent (Comunidad Valenciana), na categoría de Educación Infantil; Alicia Tojeiro Ríos, mestra no CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros (Galicia), na categoría de Educación Primaria; Rafael Bailón Ruiz, profesor no IES Diego de Siloé de Íllora (Andalucía), no apartado de Educación Secundaria; Manuel Flores Toledano, do IES El Arenal de Dos Hermanas (Andalucía), en Formación Profesional, e Javier Cachón Zagalaz, profesor na Universidad de Jaén (Andalucía), na categoría de Universidade. Cada un recibiu unha figura conmemorativa EDUCA, un diploma acreditativo e un premio en metálico.
Os docentes distinguidos estiveron arroupados na gala virtual por outros compañeiros e compañeiras de profesión, así como pola coordinadora xeral de RSC e Institucional da Obra Social ABANCA, Pilar Alves, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira, e a presidenta do Comité de Baremación dos premios, Eva Nieto.
A entrega dos Premios EDUCA ABANCA puxo o broche final ao 4º Congreso Mundial de Educación EDUCA 2021, no que tamén estivo presente este ano Afundación co relatorio ‘A aprendizaxe ao longo da vida’, a cargo da coordinadora adxunta da área de Educación Superior, Carlota Sánchez-Montaña Puga, e unha caseta informativa na que se deu a coñecer a oferta educativa de Afundación.
QUINTA EDICIÓN
Os Premios EDUCA ABANCA xorden en 2017 co fin de mellorar a visibilidade da boa práctica docente entre a sociedade e dar voz ao alumnado e ás súas familias á hora de recoñecer a aqueles profesores que destaquen polo seu bo facer. O principal obxectivo da iniciativa é enxalzar a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensino e tamén a importancia do papel que desenvolven estes profesionais na sociedade.
O prazo para presentar candidaturas para a quinta edición dos premios, que distinguirán aos mellores docentes de 2021, está xa aberto. Calquera estudante pode propoñer para o galardón a aquel profesor ou profesora que admire pola súa boa praxe profesional a través do formulario dispoñible na web www.mundoeduca.org. No caso das categorías de Educación Infantil e Primaria serán as familias quenes deban realizar as propostas.
Como novidade, na edición de 2021 haberá dúas novas categorías: Educación non formal e Mención honorífica á traxectoria docente, que completarán as cinco existentes ata o momento: Educación Infantil, Educación Primaria, Secundaria/Bacharelato, Formación Profesional e Universidade.