A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. O Consello Social, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.
Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa: https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html.
Un dos proxectos que recibiu financiamento dentro desta liña de micromecenado é o liderado polo profesor Juan M. Lema Rodicio desde o Centro Singular CRETUS da Universidade de Santiago. Céntrase na vixilancia e detección de SARS-CoV-2 en augas residuais co fin de poder predicir cunha certa antelación a aparición da carga viral nos cidadáns e poder tomar así medidas preventivas.
“Cando se inicia a pandemia en España, no mes de marzo do pasado ano, e se descobre en Holanda a presenza de material xenético do virus nas augas residuais, puxémonos a traballar inmediatamente neste enfoque. Comezamos facendo un seguimento nas estacións depuradoras de Ourense e Santiago, en colaboración con Viaqua, e fomos detectando que canto maiores eran as cifras de contaxiados, maior era a presenza do ARN do virus nas augas residuais” -explica o investigador-.
O equipo descubriu que a concentración de ARN era máis elevada nos lodos que nas augas, proporcionando datos máis precisos e estables. Esta idea levounos a desenvolver unha metodoloxía propia para realizar as medicións nos lodos. Asinaron un convenio con Augas de Galicia e varias empresas de xestión da auga da comunidade co fin de validar e perfeccionar a metodoloxía. Durante os meses de verán levaron a cabo un seguimento nas plantas depuradoras de Ourense, Vigo, Lugo, Ferrol, Viveiro, Sanxenxo, Ribeira e Burela. Unha vez validado o protocolo, quedou a disposición de Augas de Galicia e das empresas, varias das cales xa o puxeron en marcha.
Os resultados desta metodoloxía foron exitosos e xa están publicados en revistas científicas. Tanto é así que un dos membros do equipo de investigación trasladouse a Abu Dabi para aplicala nos Emiratos Árabes, en colaboración coa empresa Aqualia, a cuarta empresa de xestión da agua de Europa por poboación servida e entre as dez primeiras do mundo, prestando servizo a máis de 25 millóns de usuarios de 17 países; que ademais está a instalar laboratorios específicos, un deles en Vigo, para realizar este seguimento nas súas plantas en España.
A IMPORTANCIA DOS LODOS FRONTE Á AUGA
O investigador explica que “a toma de mostras na auga, aínda que sexa composta ao longo do día, pode non reflectir a carga vírica promedia real. Pola contra, os lodos manteñen un tempo de residencia elevado no sistema, polo que permiten integrar a carga viral diaria, é dicir, fai posible medir o que ocorre ao longo de todo o día”. O profesor Lema indica que, dado que o material xenético do virus é hidrófobo, tende a adherirse ás partículas sólidas, de xeito que cando se separan no decantador da planta depuradora, aí queda retida a maior proporción da carga viral.
Juan Lema: “É necesario que a poboación se conciencie de que a investigación é un elemento esencial para o desenvolvemento da sociedade”
O catedrático de Enxeñaría Química Juan Lema manifesta que nestes intres “é necesario que a poboación se conciencie de que a investigación é un elemento esencial para o desenvolvemento da sociedade. Así como nos períodos anteriores á Revolución Industrial a riqueza dun país residía nos seus recursos e posteriormente na súa transformación, no século XXI é o coñecemento o principal activo dunha sociedade, polo que investir en ciencia resulta vital. O micromecenado é precisamente unha resposta da sociedade a esta concienciación; os cidadáns valoran de xeito individual a relevancia de comprometer recursos económicos, o que está moi extendido noutros países, onde a investigación se financia en gran medida con aportacións privadas”.