O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía no acto de entrega do V Premio Ágora do Orcellón á cardióloga Marisa Crespo, elixida polo xurado o pasado xullo en base aos seus logros académicos, profesionais e persoais. No mesmo acto tamén se presentou o último número da revista científica homónima, editada polo Instituto de Estudos Carballiñeses (IEC) en colaboración coa Xunta de Galicia.
A publicación chega así ás súa 38º edición cun monográfico dedicado a Marisa Crespo que recolle as achegas de ata 40 personalidades da medicina, a ciencia, a política ou o xornalismo.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade deulle os parabéns á homenaxeada, por “levar polo mundo adiante o seu talento galego, que ocupa en axudar as persoas que a rodean e mellorar, desde a medicina, a súa vida”, e saudou a publicación dun novo número de Ágora do Orcellón, “unha revista en galego coa que sempre é un pracer colaborar e que non podía escoller mellor temática da que ocuparse desta volta”.
Ademais do secretario xeral de Política Lingüística, no acto, que se celebrou no instituto nº1 do Carballiño, participaron o director do Instituto de Estudos Carballiñeses, Avelino Muleiro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega; o presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices, e a premiada, Marisa Crespo, que estivo arroupada por varios amigos e compañeiros de profesión.
DEDICACIÓN
Marisa Crespo Leiro (Santrós, Cea, 1961) é doutora en Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid e especialista en cardioloxía polo Hospital Puerta del Hierro de Madrid. Na actualidade é responsable da Unidade de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco no Complexo Hospitalaria Universitario da Coruña, o cal compaxina coa docencia na Universidade da Coruña e coa súa participación no Centro de Investigación Biomédica na Rede Cardiovascular e no Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.
A doutora tamén é membro honorario internacional da Heart Failure Society of America (HFSA) e membro do grupo de traballo Building Research Initiative Group: Chronic Illnes Management and Adherence in Transplantation (BRIGHT).
A súa calidade humana, a súa entrega e dedicación a cada paciente e o seu compromiso coa Sanidade publica fixérona tamén merecedora deste premio. Unhas cualidades xa recoñecidas con anterioridade coa medalla de ouro e brillantes do Colexio Médico de A Coruña, coa medalla Castelao concedida polo Goberno galego ou co nomeamento como filla predilecta do Concello de San Cristovo de Cea.