Manuel Rodríguez, de Benavente (Zamora) alzouse hoxe no marco da feira ExpoBus Iberia co premio Mellor Condutor de Autocares de España 2023. Este profesional, que conseguiu 840 puntos, desenvolve a súa actividade na empresa Autocares Vaquero.
O segundo posto foi para Roberto Carlos Cancela, de Tordoia (A Coruña), o cal traballa no Aulusa Santiago e alcanzou unha puntuación de 779 puntos. O terceiro lugar conseguiuno Rubén Álvarez, de Vigo (Pontevedra), que exerce a súa actividade en Autos Álvarez e obtivo 773 puntos.
No concurso, patrocinado pola compañía MAN Truck&Bus, competiron finalmente preto de setenta condutores e condutoras de distintos puntos de Galicia, Asturias, Estremadura, Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía, Baleares e Canarias, xa que aos cincuenta rexistrados previamente sumáronse outros que se inscribiron durante a feira. Estes condutores tiveron que realizar un exame de coñecementos tipo test e diversas probas de habilidade nun circuíto deseñado especialmente para iso e situado nas instalacións do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, onde se celebra ata hoxe ás 16.00h a feira ExpoBus Iberia.
Na parte práctica, avaliáronse aspectos como a suavidade na condución, a anticipación, a habilidade ou os hábitos, os cales se determinaron a través de probas como slalom por diante e por detrás, diana de precisión, cambio de carril, cálculo de paso estreito e de altura e tamén aparcamento lateral. Outros ítems a valorar foron as mans ao volante e a suavidade en freadas e aceleracións.
Os vehículos nos que se realizaron as probas foron dous autocares de doce metros de lonxitude modelo Lion´s Coach de MAN, equipados coas últimas tecnoloxías. Os técnicos e formadores da empresa TECE encargáronse do deseño do circuíto, realización das probas e valoración de candidatos.
ENTREGA DE PREMIOS
A entrega de premios levouse a cabo este mediodía nun cóctel patrocinado pola compañía Irizar, o Sindicato Libre de Transporte (SLT), Lextransport e a Universidade de Valladolid.
O acto foi presentado por Mayte Rodríguez, directora da publicación Carril Bus, quen destacou que este concurso, que vai xa pola súa terceira edición, gaña adeptos cada ano. Ademais, fixo fincapé na dificultade das probas e o consecuente gran nivel dos participantes.
Pola súa banda, o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, e Gerhard Eigenbauer en representación de TECE, mostraron o seu agradecemento a patrocinadores e participantes.
Finalmente anunciáronse os galardóns. O terceiro foi entregado por Ricardo Durán e Gerhard Eigenbauer ao titular do mesmo, o condutor Rubén Álvarez. O segundo entregárono Luis Miguel Álvarez, en representación de Lextransport, e José María Cazallas, do Sindicato Libre de Transporte (SLT), aínda que non o recolleu Roberto Carlos Cancela ao estar a realizar un servizo, senón Maribel Alonso, de Monbus, grupo ao que pertence Aulusa Santiago, empresa do titular do premio.
Por último, o primeiro premio entregárono Nicolás Escudeiro, de Man Truck & Bus, e Óscar Chimeno, de Irizar. Non estaba presente o vencedor deste concurso, Manuel Rodríguez, por estar a traballar, pero si un representante de Autos Vaquero, Alberto Fernández, quen recolleu o premio no seu nome.