A Xunta incrementará o vindeiro ano nun 40% as estadías no estranxeiro
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deulles hoxe a benvida aos auxiliares de conversa que prestan este ano servizo no sistema educativo, nun acto onde anunciou que o seu departamento vai incrementar o ano que vén nun 40%, ata acadar os 2M€, as estadías no estranxeiro para mellorar as competencias en idiomas do alumnado galego a través dos Orzamentos 2023.
O titular de Educación da Xunta sinalou que o programa de auxiliares de conversa, xunto coa rede de centros plurilingües, se multiplicou por dez nos últimos anos. “No curso 2008/2009 contábamos con apenas 67 auxiliares de conversa fronte aos máis de 630 deste curso”, explicou o conselleiro, que destacou tamén que no curso 2010/2011 se puxeron en marcha os primeiros 58 centros plurilingües “e neste curso contamos xa case con 500 centros dentro desta opción educativa”.
Román Rodríguez puxo así en valor a estratexia de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras desenvolvida pola Xunta desde 2009, “que permitiu que pasásemos dos 12.500 alumnos beneficiados aos máis de 100.000 do curso actual”. “Estas cifras proban que as linguas son elementos de unión, non de confrontación, e que supoñen o primeiro vehículo de coñecemento, de entendemento e de fraternidade entre distintos pobos”, salientou.
As accións da Xunta nesta materia recóllense na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que contempla un investimento de 83M€ na primeira fase de catro anos ata 2025 para o impulso de accións de alto impacto e de especialización a aprendizaxe de idiomas nos próximos anos co obxectivo de dar un salto de calidade enfocado aos retos de futuro.
ÉXITO
O conselleiro fixo fincapé no éxito do programa de auxiliares de conversa, ao indicar que “o 99,2%, practicamente a totalidade dos mestres enquistados, considera positiva esta medida de apoio ao ensino de linguas estranxeiras e a metade dos auxiliares solicitan renovar a súa estadía en centros galegos”. Ademais, un de cada catro dos auxiliares de conversa que chegan a España no marco do prestixioso programa Fulbright desenvolve a súa actividade en Galicia.
“Unha proba do noso compromiso con este programa é que, ano tras ano, sigue aumentando o número de participantes totais, de 21 nacionalidades distintas, que impartirán clase en 835 centros da nosa Comunidade. Isto permitirá mellorar as destrezas do alumnado en linguas como o inglés, alemán, chinés, francés ou portugués”, dixo Román Rodríguez.
Precisamente o Diario Oficial de Galicia publica hoxe varias resolucións sobre novos centros plurilingües en Infantil, Primaria e ESO, seccións bilingües (actualmente unhas 5.000 trala incorporación de 215 novas) e prazas docentes para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras.