A Xunta formaliza a súa terceira emisión de débeda sostible por un importe de 500 millóns de euros
A Xunta de Galicia acaba de formalizar a súa terceira emisión de débeda sostible por importe de 500 millóns de euros, cunha demanda de investidores, tanto domésticos como internacionais, superior ao triplo da emisión, o que pon de manifesto a confianza dos investidores na economía e nas finanzas de Galicia. Todo isto a pesar do endurecemento das condicións de financiamento e a elevada volatilidade existente nos mercados financeiros.
O Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro martes as condicións financeiras desta nova emisión de bonos da Xunta a un prazo de 6,5 anos. A emisión está prevista no programa anual de Endebedamento da Comunidade Autónoma e non supón un incremento da cifra neta de endebedamento, xa que coincide coa amortización doutros créditos xa existentes.
Estas obrigacións, incluídas no Marco de Financiamento Sustentable da Xunta de Galicia, estará integramente orientadas aos investimentos sociais e medio ambientais, á economía verde e sostible e vinculados tamén á Axenda 2030. En concreto serán empregadas en proxectos relacionados co uso verde dos recursos como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a prevención e o control da contaminación, a conservación da biodiversidade, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga e dos recursos naturais.
Ademais, a estes recursos tamén se lles poderá dar un uso social a través de proxectos relacionados con infraestruturas básicas e asumibles (mellora de camiños rurais ou banda ancha no rural), o acceso a servizos esenciais (apoio á educación infantil, primaria e secundaria ou á construción de hospitais), vivenda asumible (axudas ao aluguer para grupos vulnerables), ou coa xeración de emprego (apoio ao emprego nas áreas rurais).
Na distribución xeográfica sobresae a participación de investidores estranxeiros con máis do 50%, entre os que destaca Italia cun 23%, seguido de Portugal cun 9% da emisión. Por tipo de investidor destaca a demanda rexistrada polos bancos, seguidos polas xestoras de fondos, aseguradoras e fondos de pensións.
XESTIÓN EFICIENTE DA DÉBEDA
Os datos oficiais do Banco de España ratifican que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.
Segundo os últimos datos do organismo regulador, Galicia reduciu un 2,8% o seu endebedamento no terceiro trimestre do ano 2022, o que supuxo rebaixar a súa débeda en 324 M€, e é a 3ª comunidade autónoma cunha menor ratio de débeda por habitante.
En concreto, a débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.270 euros, fronte aos 6.635 euros da media española, co que cada galego debe 2.365 euros menos que a media autonómica.