A Xunta destinará en 2024 preto de 100 M€ á formación de persoas ocupadas e desempregadas
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na clausura do II Encontro Ágora, onde se puxo en valor a importancia do talento e da innovación na era da transformación dixital e se entregaron os premios da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo. Alí, a conselleira apelou á necesidade da reciclaxe continua das persoas traballadoras, así como da formación específica das desempregadas, co gallo de dar resposta ás demandas do mercado laboral e garantir a competitividade e liderado das empresas.
Nese obxectivo, dixo, a Xunta de Galicia está ao carón do tecido produtivo da nosa comunidade, unha aposta que se confirma con preto de 100 millóns de euros nos orzamentos do ano que vén para a formación de persoas ocupadas e desempregadas. En concreto, máis de 65 millóns serán para formación de persoas sen traballo, para que encontren un emprego estable e de calidade; outros 21 M€ para a formación en centros propios da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade -incluído o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia- e en centros asociados; e máis de 11,8 millóns para a formación de persoas ocupadas, co obxectivo de satisfacer as necesidades das empresas.
Cómpre facer alusión tamén á Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, con 2,8 millóns de euros de presuposto en 2024, coa que se persegue crear contornas de aprendizaxe permanentes para casar oferta e demanda a través de microformacións deseñadas polas propias empresas, aproveitando as novas posibilidades dixitais e tecnolóxicas. Tamén a posta en marcha do Centro de Novas Ocupacións na Cidade das TIC da Coruña, ocupacións vinculadas ás transicións verde e dixital.
Como mostra do compromiso da Xunta coa evolución dixital, en 2024 tamén continuará a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, cun maior desenvolvemento da tecnoloxía EMI que permite sincronizar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada, co gallo de cubrir vacantes e de seguir contribuíndo ao desenvolvemento e consolidación do mercado laboral.