A Xunta convoca 5,58 M€ no 2023 para financiar proxectos de innovación no agro galego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027. Estas subvencións terán unha dotación de 5.580.000 euros.
A finalidade é impulsar a creación e funcionamento de grupos operativos que contribúan á consecución do obxectivo de modernizar a agricultura e as zonas rurais, fomentando e poñendo en común o coñecemento, a innovación e a dixitalización mediante a mellora do acceso á investigación ou á innovación.
Os grupos operativos -que deberán estar formados polo menos por dous membros- teñen como finalidade promover novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores. O obxectivo último é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal.
Os beneficiarios destes fondos poderán ser agricultores, gandeiros, silvicultores e organizacións representativas destes, investigadores ou persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural. Tamén, empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.
Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía telemática a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada).
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230726/AnuncioG0528-110723-0001_gl.html