A Xunta activa para mañá a alerta vermella por temporal costeiro e laranxa por vento e choivas
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá alerta vermella por temporal costeiro en todo o litoral galego, por vento en terra con refachos moi fortes, e por choiva no interior de Pontevedra.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por temporal costeiro comezará a partir das 14,00 horas no oeste e noroeste da Coruña e estenderase logo a toda a costa. Agárdase mar combinada con ondas de máis de 10 metros e ventos de forza 9 e localmente forza 10.
O episodio adverso por vento, espérase a partir da mañá e acadará refachos de máis de 100 quilómetros por hora na provincia da Coruña, na Mariña lucense, na zona de Valdeorras en Ourense, e no interior de Pontevedra. No resto da comunidade o aviso será de nivel amarelo por rachas de ata 80 quilómetros por hora.
No interior de Pontevedra estará ademais activa a alerta laranxa por choivas a partir desta medianoite, con precipitacións acumuladas de máis de 100 milímetros en 12 horas. Nas demais zonas da comunidade acadarase nivel amarelo por precipitacións acumuladas da orde de 40 milímetros en 12 horas.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ante os fortes ventos e a chuvia recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventás
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.