A XGN R Encounter 2023 xa navega a toda velocidade
A 23ª XGN R Encounter púxose en marcha esta mañá, iniciando tres días de encontro no que a informática, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico serán os protagonistas.
Os dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda), de 10.000 metros cadrados cada un, acollen nesta edición a máis de 800 inscritos/as que xa se encontran na súa maioría no recinto, pero que seguirán chegando esta tarde. Todos/as eles/as dispoñen dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos,
podendo ademais navegar a unha velocidade de ata 20 Gbps, grazas á conectividade que ofrece o operador galego R.
Formación e entretemento conxúganse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, que contará hoxe e mañá cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os/as inscritos/as e tamén os/as visitantes que se acheguen diariamente ao recinto.
O evento foi inaugurado oficialmente esta mañá nun acto no que participou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel, quen destacou o sentido formativo que, ademais do lúdico, se pretende dar ao evento, e que, indicou, sería moi difícil sen R, que a maiores da conectividade aporta actividades paralelas. Así mesmo, animou aos participantes a compartir coñecementos nesta fin de semana intensa e desexoulles que desfrutasen dunha experiencia para lembrar sempre.
Por outra banda, fixo fincapé no sector dos videoxogos, que cualificou de puxante e sobre o que indicou que facturou máis de 2.000 millóns de euros en 2022, un 12% máis que en 2021. Unhas cifras que, dixo, tamén se alcanzaron grazas aos participantes nesta party, tanto xogadores como desenvolvedores.
Pichel estivo acompañada do director xeral de R, Alfredo Ramos, quen quixo compartir cos/as asistentes o especial carácter desta edición porque R, colaboradora e patrocinadora oficial da party por sétimo ano consecutivo, cumpre 25 anos de andadura.
Agradeceu, ademais, o apoio da Fundación Euskaltel e de quen colaboran estes días no desenvolvemento do evento, e fixo fincapé no obxectivo de R de combater a fenda dixital, propósito aliñado co desenvolvemento mesmo desta gran lanparty galega.
Tamén estivo presente a tenente de alcalde do Concello de Silleda, Mónica González, quen mostrou o seu agradecemento a todas as entidades que fan posible que estes días Silleda sexa a capital da informática e as novas tecnoloxías grazas a un evento que, indicou, medra ano tras ano e seguro volverá a facelo en 2024. Quixo tamén subliñar a dimensión formativa desta cita.
Pola súa banda, Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, reiterou o seu agradecemento a todas as entidades implicadas e resaltou o aumento na participación da party deste ano en máis de 70 inscritos, invitando aos asistentes a que sexan partícipes dese crecemento sumando a dous compañeiros na vindeira edición. Neste sentido, apuntou, canto máis medre esta cita, más apoios e recursos terá, polo que tamén serán maiores os contidos e a diversión.
Entre outras autoridades, acompañaron a estes/as portavoces Agustín Reguera, delegado da Xunta en Pontevedra, e Sabino San Vicente, director da Fundación Euskaltel e coordinador da rede de Encounters á que pertence a XGN R Encounter.
O SEU PROGRAMA, EN MARCHA
Desde esta mañá a party xa está a desenvolver as súas actividades, que entre a Intranet e a Extranet suman máis de 50 propostas.
Así, xa están en marcha as dirixidas exclusivamente aos/as rexistrados/as, con numerosas competicións de arte dixital; actividades na zona hardware como personalización de equipos ou granxas de impresoras 3D e talleres, como os centrados en refrixeración líquida para pc ou mantemento e prolongación da vida útil das tarxetas gráficas dun ordenador.
Así mesmo, os participantes poden xa tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo, e tamén nos torneos de preto dunha ducia de videoxogos, como League of Legends, Valorant, Rocket League, FC 24, Mario Kart 8, StreetFighter 6 ou Sims. Tamén comezan hoxe divertidos xogos como o Trivial de cinema e de xogos ou “A Procura de Org Piece”, un torneo con distintas probas de temática pirata.
A Extranet, pola súa banda, inclúe hoxe e mañá talleres con títulos tan interesantes como “Robótica educativa”, “Erros e solucións máis comúns da impresión 3D”, “Xogo de memoria Simon con Arduino”, “Soldadura de compoñentes electrónicos” ou “Cosplay” (actividade consistente en confeccionar e/o usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic). Súmanse desde esta mañá áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Todo iso dota de gran variedade a esta edición que, ademais do apoio de R como colaboradora e patrocinadora oficial, conta co da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party