Voluntariado ambiental interxeracional en 12 espazos naturais
A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para inscribirse no Programa de voluntariado ambiental interxeracional en 12 espazos naturais da Comunidade. Esta iniciativa gratuíta ofrece un completo programa de actividades que impulsan o respecto e o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural.
Nesta segunda edición da iniciativa, posta en marcha polas Consellerías de Política Social e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, increméntanse as prazas nun 18% ata acadar as 270 logo do éxito acadado por esta proposta na súa primeira edición. Serán un total de 20 actuacións que se levarán a cabo todas as fins de semana desde o 29 de abril ata o 11 de setembro. A primeira cita será na Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel Xeoparque Montañas do Courel.
ESPAZOS
Están programadas accións no Parque Nacional das Illas Atlánticas; nos parques naturais do Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, e Fragas do Eume; e nas reservas da biosfera Terras do Miño, na do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e na Transfronteiriza do Xurés-Gêres, na Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e na reserva Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Ademais, haberá actuacións no Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés. Os escenarios serán, polo tanto, 12 espazos naturais que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.
En cada un deles o traballo dos participantes centrarase na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Ademais, o programa procura fomentar a cooperación e o traballo desinteresado desde unha perspectiva interxeracional.
INSCRICIÓN
As persoas interesadas en inscribirse nesta segunda edición do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional poden facelo a través do espazo habilitado na páxina web www.voluntariado.gal a partir das 12.00 horas. Os únicos requisitos para participar neste programa autonómico son ter cumprido os 18 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web. A selección realizarase por rigoroso orde de inscrición.
A Xunta de Galicia cubre os gastos de desprazamento (autobús desde Santiago de Compostela e/ou barco), manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas. Cada participante debe levar os útiles de aseo persoal e toalla, así como a vestimenta axeitada para as actividades ao aire libre.