Unha exposición itinerante achegará a figura de Xela Arias a 11 concellos
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, xunto co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, inauguraron hoxe na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela a mostra Xela Arias. Asinamos ser libres, a exposición itinerante que achegará a figura da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas a 11 concellos de toda Galicia. Trátase dunha iniciativa enmarcada na programación desenvolta pola Xunta en colaboración coas principais institucións culturais do país con motivo desta data.
A mostra promovida polo Goberno galego está comisariada pola profesora e biógrafa de Xela Arias, María Xesús Nogueira, quen deseñou un proxecto composto por 10 paneis que, tal e como salientou o titular de Cultura, “fai un repaso por todas as vertentes profesionais da autora difundindo detalles da súa vida, obra e contexto histórico no que viviu”. Así, tras o seu paso por Santiago de Compostela, a mostra chegará, antes de que remate o verán, a Vigo, Sarria (Lugo), Pontevedra, Amoeiro (Ourense), Outes (A Coruña) e Lugo.
A itinerancia continuará nos meses de outono e inverno na Coruña, Ourense, Boiro (A Coruña) e Celanova (Ourense). Un total de 11 concellos que contarán cunha visión “ampla e completa do enorme legado de Xela Arias, unha muller pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora que rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”, precisou Román Rodríguez.
ACCIÓNS
O representante autonómico explicou que a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres forma parte da “extensa e ampla programación que desenvolvemos desde a Xunta da man das principais institucións e axentes culturais do país para celebrar o Día das Letras Galegas”. Tal e como detallou, trátase dun programa que recolle máis de medio centenar de accións presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros.
Concretamente, froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, as actividades que xa están en marcha para homenaxear a Xela Arias abranguen multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e da integración, así como accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e no exterior.
Así, ademais desta exposición, cómpre destacar as propostas artísticas para repasar as orixes, infancia e traballo de Xela Arias que se levarán a cabo en diferentes concellos. Tamén as iniciativas habituais nos centros educativos para dar a coñecer a autora homenaxeada nas aulas como a Xornada do Día das Letras Galegas ou as unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas que os equipos de dinamización da lingua desenvolven ao longo de todo o mes das letras en colexios e institutos de toda Galicia.
CENTROS DE REFERENCIA
Neste contexto, dous dos centros de referencia na vida de Xela Arias súmanse á homenaxe de xeito especial. O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu. Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.
A programación das Letras Galegas 2021 incluirá tamén iniciativas de participación social e empresariais, actividades no exterior a través da a Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia e a celebración de certames e accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.