Un sistema axuda aos nadadores profesionais con cegueira total
Esta 16ª edición de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia aos máis novos, celebrouse por segundo ano consecutivo de xeito online por mor da situación sanitaria. Esta circunstancia favoreceu un récord de participación de 7.588 estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato -7.302 de Galicia e 286 de fóra da comunidade-, de 113 centros educativos diferentes.
O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove desde o ano 2006 Galiciencia, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. A súa finalidade é estimular a creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas.
Os proxectos presentados ao concurso responderon ao lema desta edición, “A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento”. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competían polo premio final do certame, dos que se seleccionaron 55 proxectos; fóra de competición tamén participaron estudantes de Primaria e Educación Especial.
PRIMEIRO
O primeiro premio recaeu no proxecto “VibroSwim” de Pablo Pedrosa e Guillermo Giacone, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo. Os rapaces sinalan que o seu invento “serve para asistir a nadadores profesionais con cegueira total, axudándolles a coñecer os límites da psicina". Explican que “estes deportistas non poden nadar de forma autónoma. Cando o nadador chega ao final da rúa debe ser avisado polo seu adestrador cun stick. Pensamos nunha solución máis complexa, precisa e automática, é dicir, sen necesidade doutra persoa. Para iso creamos un sistema de aviso totalmente automatizado, empregando un sensores que miden a velocidade de aproximación ás paredes da piscina, e que avisa cando o nadador debe iniciar a manobra de viraxe sen chocar coa parede. A orde envíase mediante bluetooth a un microcontrolador situado debaixo do gorro do nadador”. Este primeiro premio, dotado con 1.000 euros, permitiralles financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
SEGUNDO
O segundo equipo clasificado foi o formado por Pedro Leiva e Álex Lage, do Seminario Dicocesano de Lugo. Elaboraron un lavamáns portátil, que permite facer o lavado e secado de mans dunha maneira sinxela sen que a persoa teña que desprazarse, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con pouca mobilidade. Está pensado para levar dun lado para outro sen cargar moito peso. “Esta idea pareceunos ademais moi interesante neste intre de pandemia, onde a hixiene debe potenciarse, sobre todo cara aquelas persoas que non poden valerse por si mesmas”. Os seus creadores indican que “pode servir así mesmo como accesorio de limpeza portátil en vehículos agrícolas ou instalacións profesionais esporádicas ou pequenas, postos de feiras, en campamentos, excursións, garderías… Este segundo premio supón un apoio económico de 500 € para participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.
TERCEIRO
O terceiro premio foi para o proxecto “Televisioven” de Guillermo Castelló e Rocco Sánchez-Pug, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Trátase dunha cociña solar “rápida, eficaz, lixeira e resistente” construída a partir da reciclaxe e adaptación do chasis dun televisor. Os seus inventores explican que “as carcasas dos equipos electrónicos (feitas con termoplásticos) son abandonadas en grandes vertedoiros cun enorme impacto humano e medioambiental. No seu funcionamento, o noso Televisioven combina os principios de concentración e de acumulación da luz solar para unha maior calidade e velocidade de cocción, xa que os seus paneis orientan a luz solar ao interior do forno, e de acumulación, xa que o seu peche de dobre cristal permite o paso da radiación solar e impide a fuga da calor”. O equipo recibe 200 € para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
MÁSCARAS
O premio para a mellor comunicación recaeu no proxecto “Novos residuos… novas solucións” de Eva Currás e Uxía Pazó, do CPR Eduardo Pondal de Cangas. Trátase dunha campaña de concienciación sobre a necesidade de buscar solucións á acumulación de máscaras como residuo. “Daremos a coñecer nas redes dúas formas de reciclalas. A nosa proposta é reciclar 54 máscaras cirúrxicas facendo un cartafol e 21 máscaras FFP2 como macetas para crear un xardín vertical" -salientan-.
XIMNASTAS RÍTMICOS
O proxecto máis innovador foi “VibroMesh” de Beatriz Estévez e Carlota Hernández, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo. O obxectivo destas rapazas é “que as persoas con limitacións auditivas poidan realizar ximnasia rítmica, facendo posible que perciban a música. É un sistema formado por unha malla dotada dun microcontrolador que se encarga de analizar a música e transformala en vibracións mediante o uso de micromotores vibradores”.
LIDERADO POR RAPAZAS
O premio para o mellor proxecto liderado por unha rapaza e/ou cunha temática relacionada con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero na contorna da I+D+i foi para Nahia Urteaga e Leire Soto da Lauro Ikastola de Biscaia. Trátase dunha investigación sobre o crecemento das plantas en microgravidade. “Chegamos á conclusión de que as lentellas son as máis adecuadas para levar ao espazo, xa que medran rápido e pódense plantar moitas en moi pouco espazo. Así, poderán servir de alimento para os astronautas” -aseguran as rapazas-.
CASCO DE STAR WARS PARA XENTE CON DIFICULTADES
A mellor valoración popular foi para o proxecto “The Mandalorian Helmet”, de Ignacio Camanzo e Carlos Amigo, do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago. “É un dispositivo capaz de medir a luz, son, temperatura e humidade dun lugar, ademais de detectar a presenza de obxectos ou persoas. Isto permite desde medirlle a temperatura a un enfermo até guiar a un invidente pola rúa, en particular axudar a xente con dificultades. Démoslle un toque persoal e enfocámolo cara a unha das nosas áreas preferidas, os superheroes, por iso decidimos montar o circuíto no casco do Mandaloriano do universo Star Wars” -sinalan-.
CONCURSO DE FOTOGRAFÍA
A gañadora do concurso de fotografía a través de Instagram, baseado na temática desta edición de Galiciencia, “A innovación pos-COVID a través da revolución do talento”,foi Nara García Fidalgo, do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A imaxe, titulada Fin, reflicte, a través dunha fogueira na que se vai queimar unha máscara, o desexo de que remate a pandemia.