Os soutos de castiñeiros
A conferencia de mañá mércores centrarase na creación de soutos mansos e plantacións de castiñeiros para madeira, abordando así mesmo os tratamentos culturais e silvícolas dos soutos. Impartiraa Roque Rodríguez, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago).
Na súa intervención, o experto repasará as principais técnicas silvícolas para o establecemento de soutos mansos. Explica que os soutos mansos son plantacións enxertadas de castiñeiro cunha orientación principal á produción de castaña. Nesta liña e no marco dos programas de axudas do Plan Estratéxico da PAC, indica que “a creación de soutos novos comporta unha serie de traballos de roza, preparación do solo, elección do material vexetal, plantación e protección das plantas”. En canto á xestión dos soutos vellos, apunta que se requiren intervencións especiais de roza e remozado da copa, co fin de recuperar os soutos abandonados.
O profesor referirase tamén aos soutos bravos ou non enxertados, que son plantacións realizadas a un marco máis pechado e orientadas á produción de madeira. Abordará os modelos silvícolas aprobados pola Xunta de Galicia para o castiñeiro, en particular as técnicas de implantación e de mantemento inicial desas plantacións. Analizará a situación actual da produción de madeira de castaño, incidindo nas limitacións de calidade e cantidade de recurso que condicionan a súa transformación industrial.
Na xornada presentaranse así mesmo casos prácticos de marcaxe de árbores de castiñeiro cun obxectivo principal de produción madeireira, indicándose os posibles produtos que se poden obter a partir de pezas de diferente calidade e dimensión. É o caso da madeira estrutural de frondosas con clase resistente; madeira serrada para uso en carpintería, portas, fiestras, toneis…; ou mesmo como chapa decorativa.INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.