Seguridade, Defensa e Emerxencias contidos de SEDEXPO 2023
A II Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2023, a cal terá lugar do 28 ao 30 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, caracterizarase unha vez máis polo seu gran dinamismo.
Así, na feira, que conta co patrocinio da Civil Uavs Initiative, iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs), destacarán as demostracións de produtos e sistemas, coas que se poderán comprobar in situ as súas funcionalidades, e tamén os simulacros, que permitirán coñecer as capacidades e labor de distintas entidades de emerxencias e de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Entre as primeiras destacarán as manobras de rescate na auga dun vehículo acuático eléctrico, que terá lugar no lago do recinto, con supostos de procura inmediata de persoa desaparecida na agua, vítima activa e pasiva e persoa con dificultade na auga, ademais de maniobrabilidade en superficie e subacuática. Sumaranse as demostracións dun posto de mando avanzado para coordinar eficazmente os servizos públicos, privados e sanitarios en eventos, as funcionalidades de distintos drons ou as da aplicación Alertcops, a cal facilita a comunicación dos cidadáns coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para alertar sobre unha situación delituosa da que se é vítima ou testemuña.
Os simulacros serán espectaculares, como os realizados polo helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia, consistente na recollida dun ferido en terra para o seu traslado ao hospital, e o protagonizado pola Garda Civil, consistente na intervención ante un secuestro con arma branca e no que participarán distintos medios, entre eles un helicóptero. Tamén o serán o que recreará a extinción dun incendio con ataque combinado de medios aéreos e terrestres para a defensa dunha vivenda illada e manobras de autoprotección, organizado pola Xunta de Galicia, e o exercicio sobre futuras capacidades da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na procura de persoas desaparecidas.
SIMULADORES E EXPERIENCIAS
O carácter dinámico de Sedexpo tamén quedará patente noutras propostas, como os simuladores presentes na feira. Entre eles destacará o simulador 3D de condución de ambulancias en realidade virtual, presentado polo CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e gañador do premio Proxecto de Innovación na FP 2022. Os asistentes poderán probar esta ferramenta de realidade virtual deseñada para o adestramento na condución de ambulancia en situacións de emerxencia. Ademais, haberá un simulador de tiro e combate e prácticas extremas en alto estrés en tiro simulado, pensado para que as forzas da orde, as forzas especiais e a seguridade consigan un mellor adestramento con escenarios dinámicos baseados en intelixencia artificial e instrución táctica.
Por outra banda, fará parada na feira o Roadshow do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). Trátase dunha experiencia orientada a ofrecer capacitación a todos os cidadáns en material de ciberseguridade a través de diversas actividades e espazos, como unha zona de gamificación, charlas, talleres, un scape room ou unha área de xogos.