Sanidade destina 669.000 euros á investigación no ámbito da medicina xenómica

Esta cantidade asegura a cobertura financeira do programa durante tres anualidades, 2020-2022.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz, asinaron hoxe, nun acto celebrado por videoconferencia, un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, para a obtención de datos de xenotipado, actividades científicas e de investigación entre outras, no ámbito da medicina xenómica. Para este convenio, a Consellería de Sanidade destinará un importe total de 669.962 euros. Esta cantidade asegura a cobertura financeira do programa durante tres anualidades, 2020-2022.

Con este convenio preténdese materializar e regular a colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Universidade de Santiago de Compostela, que conta cun nodo do Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-USC). Esta colaboración enmárcase na realización de traballos destinados á obtención de datos de xenotipado de variantes xenéticas e análise de niveis de metilación, en mostras de ADN humano para a súa posterior análise e diagnóstico.

Os beneficiarios deste convenio serán os usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, a través do acceso a nodos de información xenómica moi importantes, para a mellora do diagnóstico e tratamento de doenzas que inciden negativamente na calidade de vida das persoas.

ANTECEDENTES

O 16 de xaneiro de 2019 formalizouse un Convenio Marco de actuación entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de actividades científicas, pedagóxicas, de investigación e outras que sexan de interese para as partes no ámbito da medicina xenómica, mediante a sinatura de acordos ou convenios específicos de colaboración.

No marco da investigación xenómica e molecular, a Universidade de Santiago de Compostela conta, dende 2003 co anteriormente citado nodo do Centro Nacional de Genotipado, definido como plataforma tecnolóxica e que actualmente forma parte da Plataforma en Rede de Recursos Biomoleculares do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).