Sánchez Izquierdo recoñecido co Premio ‘Persoeiro de Honra’ da DO Ribeiro

Alfonso Sánchez Izquierdo.
Director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) desde 2009 e cunha dilatada experiencia profesional en medios de comunicación, Alfonso Sánchez Izquierdo foi distinguido este ano pola D.O. Ribeiro co Premio Persoeiro de Honra. Titulado en Ciencias da Información na Escola de Xornalismo de Madrid (1973) e licenciado en Dereito (1978) pola Universidade Complutense, Sánchez Izquierdo é ademais titulado en Socioloxía polo Instituto León XIII.

Tras recuperar a presencialidad o pasado ano coincidindo co décimo aniversario dos Premios D.O. Ribeiro, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que preside Juan Manuel Casares Gándara, elixiu nesta ocasión a cidade da Coruña para a celebración da súa próxima gala que terá lugar o día 16 de xuño, ás 19.00 horas, no Centro Ágora da cidade herculina.

Durante a cerimonia e como xa vén sendo tradicional, recoñecerase o labor de persoas, entidades e lugares que fan da difusión do mundo do viño o seu sinal de identidade e que serán destinatarios dos galardóns Persoeiro de Honra, Muller e Viño, Ribeiro en Nós, Vida entre Vides e Mellor Tarefa de Comunicación.

Ademais, entregaranse tamén os Premios Mellor Servizo de Viño en Restaurante, Tenda Especializada - Vinoteca, e Taberna – Bar de Viños, así como os galardóns aos mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, que como é habitual serán elixidos na cata oficial.

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía Radio e Televisión de Galicia, será recoñecido co Premio ‘Persoeiro de Honra’

Director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) desde 2009 e cunha dilatada experiencia profesional en medios de comunicación, Alfonso Sánchez Izquierdo foi distinguido este ano pola D.O. Ribeiro co Premio Persoeiro de Honra. Titulado en Ciencias da Información na Escola de Xornalismo de Madrid (1973) e licenciado en Dereito (1978) pola Universidade Complutense, Sánchez Izquierdo é ademais titulado en Socioloxía polo Instituto León XIII.

Comezou a súa carreira como xornalista sendo corresponsal da Axencia EFE en Estados Unidos, e en 1973 incorporouse como redactor ao xornal La Región, chegando a ser director do diario, ao que se mantivo vinculado profesionalmente durante 35 anos. Coa expansión do Grupo La Región, ocupou tamén outros postos de responsabilidade, entre eles o de conselleiro delegado do xornal Atlántico Diario de Vigo, da Axencia Galega de Noticias e foi presidente e conselleiro delegado de Telemiño.

Desde xullo de 2008 e ata que en maio de 2009 foi nomeado director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo dedicouse a labores de investigación e innovación e á docencia, sendo profesor asociado na materia de Xestión da Empresa Informativa, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Tamén deu clases de Programación e Técnicas de Relacións Públicas na Universidade de Vigo, e foi coautor dos libros Diálogo Social en Galicia e Veinticinco años de autonomía de Galicia. Ademais, presidiu a comisión de medios de comunicación do Plan de normalización lingüística de Galicia e foi presidente da FORTA en 2009, 2015 e 2021, sendo recoñecido co Premio Diego Bernal 2005 pola Asociación de Xornalistas de Galicia. Na actualidade é director xeneral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia.

Como Persoeiro de Honra sucederá aos anteriores homenaxeados nesta categoría: José Luis Hernáez Mañas, Paco Rego, Josep Roca, os restaurantes galegos con Estrella Michelin, Cristino Álvarez, Sarah Jane Evans, César Lumbreras, Paradores, Luís Paadín e Manuel Villanueva.

ACTIVIDADES

Do mesmo xeito que na pasada edición, o Consello Regulador da D.O. Ribeiro organizou un completo programa de actividades que darán comezo o día 13 na Coruña, a fin de achegar os viños da D.O. ao público.

Así, na sede de Afundación, do 13 ao 17 de xuño celebrarase o Túnel dos viños da D.O. Ribeiro, que permanecerá aberto ao público no salón Planta -1, en horario de 12.00 a 14.30 horas. Ademais, do 13 ao 15 tamén poderá visitarse en horario de tarde, entre as 19.00 e as 21.15 horas.

Por outra banda, no Centro Ágora e ao longo desa mesma semana, celebraranse diferentes catas nas aulas da 1ª Planta, en horario de 20.15 a 21.30 horas. A primeira delas, prevista para o día 13, centrarase nos viños treixadura, tanto brancos como tostados, e será conducida por Alejandro Paadín. O día 14 Alberto Varela dirixirá a cata de viños tintos de castes, mentres que ao día seguinte Nati Cid conducirá a cata titulada Viños de Mulleres.

Tanto o túnel como as catas serán con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo. As actividades finalizarán o venres 17 co acto de clausura previsto para as 20.15 horas na sede Afundación, sendo o acceso ao mesmo con invitación, do mesmo xeito que para a gala de entrega de premios do día 16.