Rueda manterá dúas vicepresidencias no seu novo goberno
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe o decreto polo que se establece a estrutura dos órganos de Goberno da Xunta e que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia.
O novo Goberno galego manterá a estrutura de dúas vicepresidencias – a Vicepresidencia primeira será agora a económica - e nove consellerías, pero incorpora algunhas modificacións na configuración dos departamentos. Continuarán, ademais, os titulares de todas as consellerías, coa incorporación na Vicepresidencia segunda de Diego Calvo.
Así, a estrutura da nova Xunta estará conformada do seguinte modo e coa seguinte orde de prelación:
- Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación: Francisco Conde López
- Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes: Diego Calvo Pouso
- Consellería de Facenda e Administración Pública: Miguel Corgos López-Prado
- Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: Ángeles Vázquez Mejuto
- Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: Ethel Vázquez Mourelle
- Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: Román Rodríguez González
- Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade: María Jesús Lorenzana Somoza
- Consellería de Sanidade: Julio García Comesaña
- Consellería de Política Social e Xuventude: Fabiola García Martínez
- Consellería do Medio Rural: José González Vázquez
- Consellería do Mar: Rosa Quintana Carballo
Entre outras novidades, Turismo pasa a depender da Presidencia da Xunta, como mostra da prioridade que se lle dá a esta área para esta década Xacobea.
En materia económica, a Vicepresidencia primeira será a encargada de coordinar toda a acción do Goberno neste eido, así como a política industrial. Ademais, no novo organigrama evidénciase a aposta pola xuventude e a formación profesional incluíndo as súas denominacións no nome das súas respectivas consellerías.
Cómpre recordar que, en tanto non se proceda ao desenvolvemento da estrutura deste decreto, os órganos superiores e de dirección existentes manterán a súa estrutura e funcións.