Blanco Valdés, premio José Luis Alvite: "Opinar es tomar partido sen caer no partidismo"
O analista, comentarista político e catedrático de Dereito Constitucional da USC Roberto L. Blanco Valdés recibiu esta tarde na sede de Afundación (Casa do Pozo), en Santiago de Compostela, o Premio José Luis Alvite 2024, que lle concedeu por unanimidade a Asociación de Periodistas de Galicia (APG).
O acto de entrega, que a APG fai coincidir cada ano co Día da Liberdade de Prensa, adiouse nesta novena edición por motivos de axenda do galardoado, e foi presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, e a presidenta da APG, María Méndez González. O evento, conducido pola presentadora e redactora-xefa da TVG Marta Darriba, contou cunha nutrida representación dos medios de comunicación e coa laudatio do politólogo, articulista e tamén Premio José Luis Alvite en 2016, Xosé Luis Barreiro Rivas.
Tras recoller a estatuíña “A deusa de Alvite”, obra do artista ourensán Acisclo Manzano que conmemora este galardón, Blanco Valdés reflexionou sobre o oficio de columnista, sinalando que “coloca ao escribidor diante dun permanente Pim, Pam, Pum; pois, opinar non é describir, senón tomar posición, tomar partido sen caer no partidismo, o que provoca, inevitablemente, asentimentos, pero tamén rexeitamentos”. E engadiu ademais que “o columnismo de opinión esixe, por suposto, seriedade e rigor profesional, pero tamén tomas de posición sobre os asuntos que conforman en cada momento e lugar a realidade”.
Na súa alocución, Blanco Valdés fixo tamén unha acendida defensa da liberdade de prensa, argumentando que “unha prensa libre constitúe unha peza esencial de calquera sistema democrático e de calquera Estado que estea sometido ás regras do Dereito”. Nese senso, o tamén constitucionalista subliñou que “a pluralidade de medios, como a propia pluralidade política democrática, constiúe un elemento esencial das sociedades abertas, das que falou no seu día o gran filósofo Karl Popper”.
O premiado este ano co Alvite, rememorou a súa infancia, lembrando ler ás mañás de sábado e domingo La Voz de Galicia, co seu pai e seu tío: “Naquel entón non podía eu nin de lonxe imaxinar que un día, anos despois, eu mesmo asinaría columnas de opinión nun xornal no que publicaron os seus textos moitos dos grandes columnistas de Galicia e de Madrid, como entón había o costume de dicir”.
A presidenta da APG, María Méndez, salientou a valentía dos escritos do galardoado. “Un coraxe do que veu facendo gala en máis de 4.000 artigos e que, hoxe, quizais máis que nunca, resulta unha cualidade que hai que promover á hora de desenvolver o que el mesmo cualifica como “apaixoante oficio de escribir”. “Un xeito de escribir sen medos, comprometido”, concluiu Méndez, “como debe primar na comunicación dos xornalistas, que aínda seguimos a reclamar de xeito universal cada 3 de maio unha plena liberdade de prensa”. E reivindicou ao mesmo tempo, “un oficio alonxado das limitacións que ameazan, agora máis que nunca, con ensombrecer a tarefa comprometida dos que profesamos a tolerancia que, xunto coa procura da verdade, deben ser as nosas únicas fontes de inspiración”.
Pola súa banda, o encargado de realizar a laudatio do premiado, Barreiro Rivas, enxalzou a Blanco Valdés, de quen dixo que “hoxe é un referente esencial do xornalismo galego de opinión, que acada tamén unha importante audiencia dixital en toda España, mantendo un marco ideolóxico tan recto coma un raio láser, e apostando só polas variables -novas ou vellas- que manteñen intacta a coherencia do sistema social e político”.
Para Barreiro Rivas, “o columnista necesita ganar lectores novos sen perder os vellos, coñecer e respectar os valores actuais sen perder os fundamentos que vertebran a serie completa de artigos, teóricamente efémeros, para convertelos nun tratado cívico e ético que, en contra da proverbial fugacidade do estilo xornalístico, sexa indefinidamente útil e valioso”. Por iso, afirmou o autor da laudatio, “admiro que Blanco Valdés, que viña dunha literatura regrada, contextualizada e dirixida a lectores homoxéneos e avanzados, tardara tan pouco tempo en espertar o interese que hoxe concita no público xeral e en figurar entre os columnistas máis lidos de Galicia, sen descartar a alta probabilidade de que sexa, afectivamente, o máis solicitado”.
“Unha voz documentada e unha visión crítica da realidade socio-política”
A APG decidiu por unanimidade conceder o IX Premio José Luis Alvite de columnismo de opinión, a Blanco Valdés, destacando o xurado -formado pola Directiva da Asociación-, “a súa valentía, así como a súa voz libre e documentada, para comentar a realidade socio-política cunha visión crítica, comprometida co pluralismo, a liberdade e a democracia”.
Ademais da súa actividade académica, Blanco Valdés vén desenvolvendo dende hai anos un activo labor xornalístico como analista político no xornal La Voz de Galicia, dende a súa columna “El ojo público”, e como comentarista en diferentes medios de comunicación, como Televisión de Galicia (TVG), Radio Galega (RG) ou Radio Voz. É tamén autor de máis de vinte libros sobre constitucionalismo, historia e teoría política, federalismo e organización territorial, xunto a máis dun centenar de traballos e ensaios, publicados en libros colectivos e revistas especializadas como Claves de Razón Práctica, El Noticiero de las Ideas, Revista de Libros ou Letras Libres.
Conferenciante e profesor visitante en varias universidades de diferentes países, así como en foros institucionais europeos e españois, Blanco Valdés foi merecedor doutros moitos galardóns, entre eles, o III Premio de Investigación Andalucía-América -que lle concedeu a Junta de Andalucía en 1990- ou o Premio Juan Fernández Latorre de xornalismo escrito, no ano 2001.
O Premio José Luis Alvite de columnismo da APG en 2024, naceu na Estrada (Pontevedra) en 1957. É fillo do abogado galeguista, deputado provincial e alcalde da Estrada, Mario Blanco Fuentes, e sobriño do senlleiro xornalista e escritor galego Roberto Blanco Torres, a quien se dedicou o Día das Letras Galegas en 1999.