Ribeira Sacra reúne máis da metade da superficie demandada polas denominacións de orixe vitivinícolas para polígonos de viñedo
Ribeira Sacra reúne máis da metade da superficie demandada polas denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia para desenvolver polígonos de viñedo. En concreto, esta DOP solicitou recuperar para a plantación de vides máis de 5.800 hectáreas de parcelas en estado de abandono ou infrautilización, das máis de 10.000 ha demandadas polas cinco denominacións de orixe dos viños galegos.
Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa intervención no acto de entrega de premios do concurso da XLI Cata dos viños de Amandi, que tivo lugar na localidade lucense de Sober. José González explicou que esta superficie esténdense ao longo das diferentes subzonas de Ribeira Sacra, tanto de Amandi como de Chantada e de Quiroga-Bibei ou das ribeiras do Miño e do Sil.
Neste sentido, o conselleiro quixo agradecer o labor do Consello Regulador da denominación de orixe á hora de delimitar estas zonas e de traballar para localizar os mellores terreos da contorna. Unha iniciativa que González enmarcou na Lei de recuperación da terra agraria, que -dixo- “tamén está pensada para a Galicia vitivinícola”.
Ao tempo, o titular de Medio Rural puxo en valor este sector, que cualificou como “un dos máis dinámicos da nosa economía agraria”, por ser quen de xerar sinerxías con outras actividades complementarias, como é o enoturismo. Precisamente, engadiu González, neste contexto a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas de Galicia impulsada pola Xunta co sector e recentemente presentada “vén para mellorar decisivamente o posicionamento dos nosos viños”, entre eles os de Amandi e da Ribeira Sacra, nos mercados nacionais e internacionais.
VALOR ENGADIDO
Trátase, sinalou González, de “xerar valor engadido” e de “ser máis competitivos” para mellorar, se cabe, a xa magnífica posición e recoñecemento do que gozan os viños galegos dentro e fóra da nosa comunidade. Así, engadiu o conselleiro, o viño ten que se consagrar como elemento dinamizador das comarcas vitivinícolas pola man dese valor engadido.
Nesta liña, José González destacou tamén o compromiso da Xunta co sector, que se pon de manifesto a través de diferentes liñas de axudas e, nomeadamente, do préstamo vendima, unha medida aplicada xa o ano pasado e que este ano se retoma por parte da Consellería. O seu obxectivo é apoiar a compra de uva a prezos normais de mercado, diante das dificultades que está a ocasionar a pandemia ás adegas.