A restauración de áreas queimadas compensa sempre os seus elevados custos, que se sitúan entre os 6.000 e 8.000 € por hectárea
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), inaguran este luns, 14 de novembro, as 'XXXIII Xornadas Luis Asorey'. Esta edición céntrase en “O capital natural e os servizos ecosistémicos. A nova base da economía”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se desenvolverán entre o 14 ao 23 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas.
As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario. O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC. Na inauguración das xornadas intervirán o presidente da Academia, Juan Lema; e a deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto.
Esta primeira conferencia versará sobre os lumes e as accións postincendios. Impartiraa María Loureiro, catedrática de Economía na Universidade de Santiago e Académica Numeraria da RAGC. A investigadora pon de relevo que, en relación aos incendios, “o máis importante é a prevención porque a restauración é moi cara, entre 6.000 e 8.000 euros por hectárea”. A pesar disto, asegura que “a restauración é efectiva, os seus resultados son sempre moi positivos. Logo dun grande incendio, os beneficios da restauración compensan estes elevados custos. O peor é non restaurar porque, ademais de perder a madeira dese ano, pérdese a capacidade produtiva do monte, xunto a outros moitos servizos ecosistémicos como a biodiversidade dun territorio ou a posibilidade de captar carbono”.
“O lume é un importante proceso ecosistémico que afecta de forma significativa aos sistemas terrestres, acuáticos e atmosféricos de todo o mundo, xerando custos ambientais, económicos e sociais difíciles de valorar antes de que este suceda” -sinala a experta-. Nesta liña, explica que “no noso traballo, estimamos e valoramos economicamente as preferencias sociais cara á restauración de servizos ecosistémicos ambientais e culturais para apoiar a toma de decisións no contexto da restauración de áreas recentemente queimadas, en particular no territorio galego. Obtemos o valor económico estimado asociado a cada un dos riscos ecosistémicos (sociais e ambientais) analizados, que se poderán utilizar para valorar as medidas de prevención adecuadas. Os resultados indican que dentro das actuacións postincendio consideradas as máis valoradas son as que protexen os servizos ambientais en risco, especialmente nas zonas protexidas incluídas na Rede Natura 2000”.
Os campos de investigación de María Loureiro céntranse na economía da enerxía, a economía ambiental e a economía agrícola. Obtivo o doutoramento en Economía Agraria e Recursos Agrícolas na Universidade Estatal de Washington e ocupou cargos na Universidade Estatal de Colorado, na Universidade Carlos III de Madrid e no actual Instituto de Investigacións Bioeconómicas de Noruega. Realizou a avaliación económica dos danos ambientais causados pola vertedura de petróleo do “Prestige”. Nestes intres ten en marcha o proxecto "Economía do cambio climático: vulnerabilidade e políticas de adaptación e mitigación en España", financiado pola Axencia Estatal de Investigación.
INSCRICIÓN para participar gratuítamente en todas as conferencias.