Reforzar a investigación da lingua galega nas redes sociais e na mocidade
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, renovaron hoxe a colaboración de ambas institucións no eido da investigación lingüística coa sinatura dun convenio que impulsará as accións do Instituto da Lingua Galega (ILG) nas redes sociais, a mocidade e a familia, entre outras.
Trátase dun convenio de catro anos, fronte aos de dous anos asinados ata o momento, co que se dá maior estabilidade á colaboración cos equipos de investigación da USC, e avanzar nos estudos científicos sobre o galego. A Xunta sufragará o 58% do investimento para tres liñas de investigación nas que o ILG está a traballar, mentres a USC destinará o importe restante. En concreto, este convenio permitirá pescudar no coñecemento do uso do galego da xente nova, con estudos que analizarán como interactúan en galego nas redes sociais e nas plataformas de comunicación de texto e voz, nomeadamente a través de Whatsapp e Telegram ou similares. Estudarase tanto a utilización de recursos lingüísticos como os non lingüísticos como iconas, emoticonas, gifts e outros materiais gráficos.
Ademais, tamén se estudarán os procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua nas familias galega e avanzarase nos estudos que se están a realizar no ILG sobre competencia escrita en lingua galega do estudantado de 2º de Bacharelato. Tamén se seguirá traballando no Atlas Lingüístico Galego, ferramenta que permite coñecer e actualizar a realidade lingüística desde o punto de vista gramatical e léxico e por zonas, e continuarase a investigar no patrimonio literario na historia e poranse en marcha, entre outros, proxectos e investigacións interdisciplinares sobre a lingua, o notariado e outros ámbitos da escrita da Galicia medieval.
RETOS DE FUTURO
O convenio desenvolverase ata o 2024 e conta cun investimento global de 825.360 euros, dos que o Goberno autonómico achegará 480.000 euros. Esta colaboración enmárcase no traballo da Xunta de Galicia pola dinamización e promoción da lingua galega en todos os ámbitos sociais. Este ano, a Xunta incrementou o seu orzamento nun 53% no ámbito da política lingüística, con melloras en campañas de normalización, programas de promoción, actividades de formación ou apoio a empresas editoras para proxectos en lingua galega.
Ademais, trabállase en retos para a lingua galega no século XXI como no do fomento da transmisión interxeracional da lingua nas familias, os desenvolvementos tecnolóxicos que permitan interactuar en galego no mundo dixital e tamén nesta lexislatura España, a través do impulso de Galicia, ingresará na CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa).
Os resultados avalan a política lingüística da Xunta. De feito, nos últimos anos, o galego vénse reforzando. Hoxe na nosa Comunidade falan galego máis persoas que fai cinco anos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Ademais, o último informe PISA constata que Galicia é a comunidade autónoma onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade. De feito, o 96% do alumnado afirma falalo o bastante ben como para conversar con outras persoas, por diante das outras comunidades con lingua propia.