A RAGC homenaxea ao enxeñeiro de telecomunicación José Pazos Arias, un dos impulsores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Vigo celebraron esta mañá un acto “in memoriam” do profesor José J. Pazos Arias (1964-2023), natural do concello pontevedrés de Baiona, falecido o pasado mes de decembro. Era académico numerario da RAGC e catedrático de Enxeñaría Telemática da UVigo.
No transcurso do evento, que tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da institución viguesa, participaron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o presidente da RAGC, Juan Lema; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Rebeca Díaz; o director do Centro atlanTTic da UVigo, Martín Llamas; o académico da RAGC Pedro Merino; Martín López, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; e Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións da UVigo e académico da RAGC. Unha vez clausurado o acto, colocouse unha placa no exterior da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e plantouse un olivo en memoria do profesor homenaxeado, coa presenza da súa familia.
José Pazos cursou os seus estudos de Enxeñaría de Telecomunicación (especialidade de Telemática) na Universidad Politécnica de Madrid (UPM). Tras un breve paso pola empresa, en 1988 aceptou o desafío de regresar á súa terra e comezar a aventura de dar forma e calidade á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que iniciaba a súa andaina. O profesor contribuíu ademais a poñer os cimentos do futuro Departamento de Enxeñaría Telemática -do que foi o seu primeiro director-, xunto a varias materias da especialidade. Posteriormente foi subdirector da Escola e director da Área de Novas Tecnoloxías da Universidade de Vigo.
Tras doutorarse pola UPM en 1995, fundou o Grupo de Servizos para a Sociedade da Información da Universidade de Vigo. O seu intenso esforzo investigador no campo dos sistemas de recomendación automática, labor á que dedicou a maior parte da súa carreira, traduciuse nun bo número de publicacións en congresos e revistas internacionais, varias teses doutorais dirixidas, proxectos a nivel nacional e europeo, e unha significativa colaboración co mundo empresarial, o que lle fixo merecedor da Cátedra de Enxeñaría Telemática.
Impactos en áreas da saúde e do patrimonio cultural
Na súa intervención, Martín López, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo, destacou a preocupación do homenaxeado polo uso que se lle podía dar ás crecentes ordes de magnitude que se ían alcanzando en capacidades de almacenamento e de cómputo, velocidades de transmisión de información… “De aí que chamase ao seu grupo `Servizos para a Sociedade da Información´, xa que todo iso tiña que poñerse ao servizo da sociedade. Tivo a lucidez de identificar o potencial de combinar conceptos e tecnoloxías incipientes como eran as dos sistemas recomendadores e a Web Semántica, albiscando aplicacións en innumerables dominios. Estaba especialmente satisfeito polos impactos que fomos conseguindo en aplicacións do noso grupo en áreas da saúde e o patriminio cultural”.
Na Academia Galega de Ciencias José Pazos aportou a súa perspectiva do presente e futuro das TICs na sociedade galega
O seu traballo no campo da personalización dos servizos dixitais foi recoñecido co seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias en 2016, un premio á súa traxectoria ao que o investigador correspondeu coa súa acertada perspectiva do presente e futuro dos TICs na sociedade galega. Nesta liña, Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións da UVigo e académico da RAGC, lembrou que “en 2015 tiven a oportunidade de nomear a Jose como candidato a formar parte da RAGC. Á vista do seu brillante currículo, a miña proposta foi acollida moi favorablemente. No seu discurso de ingreso, titulado `Crecemento exponencial da información. Do Big Data ao Small data´, ilustrounos sobre como cada vez se facía máis difícil navegar no océano de información e como ao mesmo tempo se abría a oportunidade de desenvolver novas ferramentas baseadas en intelixencia artificial para recomendar contidos aos usuarios”.