O químico Manuel Casalderrey, Premio de Divulgación Científica da RAGC
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concede o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 ao químico Manuel Luis Casalderrey García. A Academia recoñece así a súa “ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica en Galicia, particularmente a publicación regular desde o ano 1989 no xornal La Voz de Galicia de artigos de divulgación científica sobre temas de candente actualidade e ámbito moi diverso”.
Manuel Casalderrey (A Coruña, 1941) licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago. Realizou a súa tese de doutoramento sobre a interpretación teórica do espectro electrónico da benzofenona, dirixida polo profesor Miguel Ángel Ríos Fernández e presentada no ano 1986.
No plano docente traballou en diferentes lugares e áreas, comezando no ensino público en Teruel e rematando antes da súa xubilación como catedrático de Física e Química no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra en 2011. Ademais, foi director adxunto do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Impartiu cursos dirixidos á formación e perfeccionamento de profesores e ten realizado investigacións no campo da didáctica da Física e da Química e da educación do consumidor.
O galardoado é columnista no xornal La Voz de Galicia desde o ano 1989, publicando artigos de alto interese científico e divulgativo. A súa traxectoria no ámbito da divulgación inclúe máis dunha ducia de libros de temática diversa, na súa maioría relacionados coa Química na vida cotiá. É o caso da publicación Láseres, emisores de luz especial, pola que recibiu o Premio Prisma a Textos Inéditos da Casa de las Ciencias. En 2021 publicou Química, benefactora de la humanidad, no que relata todas as aportacións da Química para mellorar o noso día a día, en particular á Medicina, pero tamén a outros eidos como o das novas tecnoloxías, os elementos construtivos... Nesta liña, Manuel Casalderrey afirma que “hay Química buena por todas partes, está presente en todo, la vida es Química y la Química es vida”.
Recibiu así mesmo múltiples recoñecementos ao seu labor como divulgador da ciencia, en especial o Premio Nacional de Investigación e Innovación Educativa do Ministerio de Educación e Ciencia ou o Premio Giner de los Ríos, entre outros. Toda esta traxectoria faino merecedor do premio da RAGC, que o enxalza como “figura senlleira da divulgación da ciencia en Galicia”.
Manuel Casalderrey: “Un reconocimiento de este nivel es realmente un honor”
“La divulgación científica es fundamental. La ciencia necesita intermediarios para que los ciudadanos entiendan los avances científicos y tecnológicos. Mi aportación en este campo ha estado centrada en la publicación de más de 2.000 artículos en La Voz de Galicia desde hace 33 años, acercándome a los lectores y tratando de conectar con ellos a través de pequeñas pinceladas” -salienta o galardoado-.
Casalderrey manifesta a súa “grandísima satisfacción” ao recibir este premio. “Ya llevo bastantes años jubilado y es una enorme alegría saber que uno es valorado, que gusta lo que hace. Un reconocimiento de este nivel es realmente un honor” -asegura-.
O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como secretaria; ademais de Antonio Ballester, Antonio Rigueiro e José Ramón Cancelo.