Proxecto Sicaptor, avanzar na documentación e tratamento a bordo dos datos de capturas dos buques pesqueiros
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou hoxe a importancia de que o sector pesqueiro e os científicos traballen da man para mellorar a xestión dos recursos mariños e acadar así a sustentabilidade da actividade pesqueira. A representante da Consellería do Mar defendeu a transcendencia deste labor conxunto durante a clausura da xornada: O futuro da monitorización electrónica remota (REM) na actividade pesqueira, que serviu para presentar os avances do Proxecto Sicaptor, que pretende avanzar na documentación e tratamento a bordo dos datos de capturas dos buques pesqueiros.
Mercedes Rodríguez lembrou que contar cos mellores datos posibles, tanto de vendas nas lonxas como de capturas nos propios barcos, é fundamental para xestionar ben os caladoiros e puxo como exemplo o labor que realiza a Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) da Consellería do Mar. “É o noso servizo de recollida e tratamento de datos pesqueiros en directo co obxectivo de lograr os mellores informes posibles sobre a actividade pesqueira da frota de artes menores e tamén sobre a situación dos distintos stocks sobre os que traballa”, incidiu a directora xeral de Pesca.
Esa recollida de datos, explicou a representante da Xunta, permite ter unha imaxe fiel da realidade e mellorar así a xestión dos recursos. Trátase dun obxectivo co que coincide o proxecto Sicaptor, que pretende avanzar na viabilidade das ferramentas de identificación de especies a bordo para permitir a toma de decisións en tempo real mediante a utilización de mapas que describen o estado dos stocks pesqueiros en base a criterios como a presencia de xuvenís ou a relación custo/beneficio deses recursos.
A finalidade desta iniciativa, na que colaboran investigadores e a frota pesqueira, é conseguir ferramentas que identifiquen áreas óptimas de pesca, permitan evitar as capturas non desexadas e minimicen os descartes ao tempo que se realiza unha xestión máis eficiente contribuíndo á sustentabilidade dos recursos pesqueiros.
Por iso, a directora xeral de Pesca puxo o proxecto Sicaptor como exemplo da colaboración entre científicos e sector pesqueiro na busca dunha mellor xestión dos recursos. “O sector é o primeiro interesado en lograr esa sustentabilidade e só se pode conseguir se participa na toma de decisións e na análise dos datos”, explicou Mercedes Rodríguez.
PROXECTO SICAPTOR
O proxecto Sicaptor –que está coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e ten como socios ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), á Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar) e ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)- pretende mellorar o sistema iObserver, que permite cuantificar de forma automática as capturas e descartes a bordo dos pesqueiros. Este dispositivo saca fotografías ao peixe que pasa pola cinta, identifica a especie á que pertencen os exemplares e fai unha estimación do seu talle e peso así como da cantidade total de biomasa capturada.
O obxectivo do Sicaptor é recorrer á intelixencia artificial para descompoñer en valores singulares esa información e identificar e cuantificar de xeito fiable as capturas incluso cando os exemplares están solapados ou superpostos. Neste sentido, a representante do Executivo galego felicitou aos promotores desta investigación polo traballo realizado nos últimos anos e animounos a seguir nesta liña.