‘Proxecto nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega’

A Cidade da Cultura.
A Xunta e a Universidade de Santiago organizan o vindeiro luns unha xornada aberta ao público xeral, universidades, empresas e administracións públicas ao redor do Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, a iniciativa na que se está a traballar para acadar a total inclusión do galego no mundo dixital e tecnolóxico.

O encontro celebrarase a partir das 9,00 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e contará cunha mesa redonda e varios relatorios. Será inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, e a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, Cristina Gallach.

Durante a xornada daranse as claves do Proxecto Nós, unha iniciativa estratéxica na que a Xunta e as universidades están a traballar para conseguir a presenza do galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, que garantirán a presenza da lingua galega nas contornas dixitais. 

Tras a presentación celebrarase a mesa redonda que dará comezo ás 9,30 horas, A importancia da tecnoloxía da linguaxe na sociedade e na economía, que estará moderada polo director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro. Participará a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, xunto ao expresidente da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural Manuel Palomar, o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luis Regueira; a directora da Unidade Text Mining do Barcelona Supercomputing Center, Marta Villegas e o vicedirector do HiTZ (Basque Research Center for Language Technologies), Germán Rigau i Claramunt.

INSCRICIÓN

A partir das 11,30 horas celebraranse diversos relatorios sobre a orixe, estado actual e futuro do Proxecto Nós a cargo de varios investigadores que están a traballar desde os centros da USC: o CiTIUS -especializado na investigación das tecnoloxías de información, en concreto sobre aprendizaxe automática, computación avanzada, e-saúde, robots persoais, entre outros âmbitos de traballo- e o Instituto da Lingua Galega, que vén de cumprir medio século de vida investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego. A asistencia ao encontro é libre e gratuíta, previa inscrición no formulario oficial de rexistro ao que se pode acceder desde esta ligazón.

Con esta xornada informativa séguense a dar pasos no Proxecto Nós, que vén de entrar na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. O novo acordo permitirá que este ano os investigadores avancen no traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.