Premios Fin de Carreira
A Xunta de Galicia vén de galardoar cos Premios Fin de Carreira para o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais en centros públicos de Galicia a seis estudantes que remataron os seus estudos nestas modalidades no curso 2020/21, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia.
Na modalidade de Música, resultaron premiados Miguel Antonio Fernández Gil e Borja Quiza Martínez, ambos do Conservatorio Superior de Música da Coruña; mentres que na modalidade de Deseño os recoñecementos son para Zeltia Iglesias Rodríguez, da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, e Patricia Andión Marchena, da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo.
Na modalidade de Arte Dramática o premio foi para Brais Fernández Pombo, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo; e na modalidade de Conservación e Restauración de Bens Culturais a galardoada é Andrea Prego Torres, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra. Todos eles reciben un premio de 3.500€, o que supón un incremento de 500€ por persoa premiada en relación coas anteriores convocatorias.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade instaurou estes premios por primeira vez no curso 2018/19, co fin de que os alumnos destas ensinanzas artísticas superiores estiveran en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns deste tipo desde hai anos.