Premios Exceleite ás mellores explotacións de vacún de leite de Galicia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que convoca para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios “Exceleite”.
Esta é xa a cuarta edición destes galardóns, tras a boa acollida das tres anteriores entre o sector produtor lácteo galego. Trátase de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.
Os premios “Exceleite” distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.
Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas.
Os resultados que faciliten as análises do Ligal permitirán facer unha primeira selección das explotacións que poden concorrer aos premios “Exceleite”. A continuación, remitiráselles aos escollidos senllas cartas para que autoricen a súa participación como finalistas.
En canto acepten a súa selección para optar aos galardóns, comezarán as visitas de campo ás granxas para corroborar que as características das explotacións son as axeitadas. Unha vez feitas as comprobacións, os gañadores basearanse exclusivamente nos resultados das análises do leite.