Premios á Cooperación

A Xunta publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) as convocatorias para este ano dos Premios á Cooperación e do certame de Cooperativismo no Ensino, dúas iniciativas coas que recoñece o labor e esforzo das cooperativas galegas e difunde e promove o cooperativismo e os seus valores entre o alumnado de Galicia.

Os Premios á Cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a favor do desenvolvemento do movemento cooperativo en Galicia. Concédense por concorrencia competitiva e poden optar as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo. Será requisito necesario para participar estar ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia e non poderán resultar premiadas aquelas cooperativas galardoadas en anos anteriores cando os méritos alegados sexan substancialmente os mesmos.

As modalidades deste ano son tres. Deste xeito, a Consellería de Emprego e Igualdade concederá tres premios: aos valores cooperativos, que inclúe como novidade este ano unha mención ás cooperativas que teñan apoiado a Galicia fronte á Covid-19; ao mellor proxecto cooperativo novo; e á traxectoria cooperativa. Cada un destes galardóns está dotado con 5000 euros. O prazo para presentar as solicitudes abrirase o martes 2 de febreiro e rematará o próximo 30 de abril.

É preciso lembrar que a celebración destes premios tivo que anularse o pasado ano como consecuencia da crise sanitaria, polo que aquelas cooperativas que tivesen presentado solicitude de participación na convocatoria de 2020 poderán participar este ano cos méritos alegados en 2020 sen que sexa necesario achegalos novamente, facendo constar na solicitude que documentos xa foron presentados con anterioridade.

Máis polo miúdo, o Premio á mellor cooperativa nova, concédese a aquela que teña unha antigüidade igual ou menor a 42 meses (tres anos e medio), e que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais. O Premio á traxectoria cooperativa vai dirixido a aquela que teña unha antigüidade maior de 42 meses, e que teña destacado pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

Pola súa banda, o Premio aos valores cooperativos outorgase á cooperativa galega que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos. Estes últimos están establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e son: adhesión voluntaria e aberta; xestión democrática por parte dos socios; participación económica dos socios; autonomía e independencia; educación, formación e información; cooperación entre as cooperativas; e interese pola comunidade. Pola súa banda, os valores cooperativos son: axuda mutua, responsabilidade, democracia, igualdade, equidade, solidariedade e transparencia.

NO ENSINO

A estes galardóns súmase o certame de Cooperativismo no Ensino, que tamén se publica mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), e que ten por obxectivo difundir e promover o cooperativismo e os seus valores entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

O certame conta con tres modalidades: actividades artísticas, dirixida aos alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria, que está dotado con catro premios de 2.500 euros e catro accésits de 1.500 euros cada un; actividades cooperativizadas para o alumnado de ESO, que conta cun único galardón de 2.500 euros e un accésit de 1.500 euros; e a modalidade de proxectos empresariais cooperativos destinado aos estudantes de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Neste caso concédese un premio de 4.500 euros e un accésit de 3.500 euros. O prazo para presentar os proxectos tamén abrirase o martes 2 de febreiro e rematará o próximo 30 de abril.

Como novidade este ano, amplíase a tipoloxía dos traballos que se presenten ao incluírse a posibilidade de concorrer ao certame con calquera creación dixital. Ao igual que cos Premios á Cooperación, admitirase a documentación presentada en 2020, xa que este certame tamén tivo que anularse pola Covid-19.

Estes premios forman parte da Estratexia galega de economía social 2021 que ten como obxectivo incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e potenciar a presenza feminina nestas entidades.