O prazo de solicitude das axudas da Xunta para o fomento da elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas estará aberto ata final de mes
Os interesados nas axudas da Xunta para o fomento da elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas teñen de prazo ata o vindeiro día 31 de xaneiro para solicitalas. Estas subvencións están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e convócanse por un importe de 4.500.000 euros, a executar entre o 2025 e o 2026. A publicación da correspondente orde de convocatoria fíxose efectiva o pasado día 27 de decembro de 2023 no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Estas subvencións están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e poderán beneficiarse delas empresas, organizacións de produtores, asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e organizacións interprofesionais
Os posibles beneficiarios destas achegas son as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4 % dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.
ASOCIACIONISMO AGRARIO
Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.
As achegas perseguen, entre outros obxectivos, os de fomentar o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través da eficiencia enerxética e da valorización e tratamento dos residuos
Procúrase, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.