A praza de Barcelos e a rúa Santa Clara serán os dous novos puntos de acceso ao remodelado convento e aos seus xardíns

Reunión para fijar entradas al convento de Santa Clara.
A Sala de Xuntas da Deputación de Pontevedra acaba de acoller unha nova xuntanza da Comisión de Seguimento do convenio entre a institución provincial e o Concello de Pontevedra para avanzar no proxecto de reforma de Santa Clara. No encontro, entre outras cuestións técnicas, acordáronse as liñas mestras para poñer en marcha dous novos accesos ao recinto conventual e aos seus xardíns: un pola praza de Barcelos e outro pola rúa de Santa Clara. 

O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, remarcou a “boa sintonía, vontade e lealdade institucional” tanto da Deputación como do Goberno Local para facer realidade este proxecto “polo ben de todos os pontevedreses”. De feito, no que respecta ao novo acceso a Santa Clara a través da Praza de Barcelos, tal e como informou Domínguez, “o Concello non soamente se amosou favorable senón que ten comprometido realizar unha colaboración económica”. Na actualidade estanse a realizar unhas obras na contorna de Barcelos que deixarán para o final a zona na que se situará o acceso a Santa Clara, xa que se ten que invadir parte da praza para adaptar a entrada ao convento e xardíns á normativa de accesibilidade.

No que respecta ao acceso pola rúa Santa Clara, o vicepresidente tamén amosou a súa satisfacción pola boa predisposición do Concello de Pontevedra que, ademais de ceder un xardín de titularidade municipal situado preto da Casa das Misións, tamén se comprometeu economicamente a colaborar para que este novo punto de entrada ao recinto sexa unha realidade.

Na Comisión de Seguimento tamén se informou de que a finais de maio e principios de xuño Nieto Sobejano entregará xa o proxecto final de reforma de Santa Clara. Neste eido, Rafa Domínguez asegurou que “o proxecto vai moi ben, cun respecto máximo ao xardín e ao bosque”. Tamén afirmou que con este paso pechado poderase avanzar en conversacións co resto das administracións para dar pasos cara adiante na remodelación de Santa Clara e que este “grande reto, de extrema complexidade, ilusionante e histórico, sexa unha realidade no 2027, cando poida abrirse a toda a cidadanía de Pontevedra”.