A poboación ocupada na pesca extractiva e na acuicultura galegas aumenta en 370 persoas entre 2017 e 2021
A poboación ocupada na pesca extractiva e na acuicultura en Galicia aumentou máis dun 2% entre 2017 e 2021, ao pasar de 16.606 persoas ocupadas a 16.976, tal e como reflicte a enquisa Ocupesca 2021, elaborada pola Consellería do Mar cada dous anos e da que se publicou a sexta edición en www.pescadegalicia.gal. Estas cifras mostran a capacidade de superación e adaptación de ambos sectores a dificultades como o encarecemento dos combustibles, das materias primas ou as consecuencias da alerta sanitaria pola covid-19, ademais doutras específicas de cada actividade.
Na pesca extractiva a poboación ocupada superou os 11.550 profesionais no 2021, fronte aos 11.377 ocupados da edición de 2017 da enquisa Ocupesca, o que supón case un 2% máis. Este incremento prodúcese malia que a frota pesqueira galega se reduciu un 3,7% nos últimos catro anos, o que deixa ver que soubo adaptarse ás circunstancias e a súa masa laboral incluso se incrementou.
Por modalidades, a frota de palangre de superficie do caladoiro Cantábrico-Noroeste foi a que máis contribuíu a ese incremento cunha suba do 35% no persoal embarcado, ao sumar 128 persoas en catro anos e alcanzar un total de 491 tripulantes.
Tamén aumentou a poboación ocupada na frota de pesqueiras comunitarias, que chegou aos 1.273 profesionais embarcados, un 16% máis que no 2017. Neste ámbito destaca o incremento de algo máis do 30% nos tripulantes da frota de arrastre, ata acadar os 342, fronte aos 263 de 2017, e a suba de máis do 11% do palangre de fondo, que pasou a contar con 931 tripulantes, fronte aos 836 de catro anos antes.
No caso da acuicultura, ocorre algo semellante á pesca pois o número de empregados no sector pasou de case 5.230 no ano 2017 a 5.420 en 2021, o que representa un aumento de máis do 3,5% malia diminuír lixeiramente o número de establecementos de cultivos mariños. A este incremento contribúen os parques de cultivo, con 186 empregados máis que hai catro anos, con máis de 850 persoas ocupadas -un 28% máis- e os criadeiros, granxas, liñas de cultivo e gaiolas, con 774 empregados no 2021 fronte aos 673 de 2017, o que supón unha suba do 15%.