Plantación de castiñeiros autóctonos
A Xunta está a impulsar a plantación controlada e ordenada de castiñeiros autóctonos para incrementar nos montes galegos a superficie dedicada ao cultivo do seu froito. Para iso, a Consellería do Medio Rural entregará 12.600 plantas de portaenxertos de catro clons distintos e 473 plantas nai CAC (con certificado de calidade sanitaria) de 17 variedades de castiñeiro autóctonas a un total de 16 viveiros da nosa comunidade.
Hoxe comezou esta entrega ao viveiro forestal da Falmega, en Oroso, da man dos directores xerais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. Neste acto tamén estiveron o presidente da Asociación de viveiristas del noroeste (Asvinor), Ignacio Etcheverría Rey, a vicepresidenta da Asociación de viveiros forestais de Galicia, Inmaculada López Muñoz, e o presidente da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García. Así, a través desta entrega de material vexetal abastécese a crecente demanda de consumo de castaña e ponse en valor o distintivo de calidade da IXP Castaña de Galicia.
Precisamente, a Consellería está traballando nun Programa estratéxico do castiñeiro e da castaña que inclúe entre as súas accións apoiar e dotar aos viveiros, produtores e silvicultores de infraestruturas e materiais de calidade, como é o caso desta entrega de distintos clons de portainxertos ao sector para utilizar en novas plantacións.
Ademais, cómpre sinalar que as plantas nai de castiñeiro que se están a entregar foron sometidas a un rigoroso proceso de xenotipado mediante procedementos de identificación molecular no Centro de Investigación Forestal de Lourizán para verificar a autenticidade varietal dos castiñeiros autóctonos galegos.
Así, o investimento total da Consellería neste plan de produción de material vexetal ascende a 220.474 euros, cunha produción final de plantas de 24.500, correspondendo 17.000 a plantas de portaenxerto de castiñeiro híbrido e 7.500 plantas nai CAC.
FALMEGA
Na actualidade, no viveiro de Oroso prodúcense tanto planta dos distintos clons de castanea hybrida do catálogo da Xunta, como pequenas cantidades de planta a raíz núa de distintas especies autóctonas galegas. O viveiro conta con distintos campos de plantas nai incluídos no Rexistro Galego de materiais de Base e, nos últimos anos, cultiváronse una media de 15.000-20.000 brotes dos clons e máis de 100.000 de castiñeiros híbridos propagados polo sistema de aporcado. Asemade, na superficie do viveiro existen dúas parcelas de ensaio do centro de investigación de Lourizán (castiñeiro e cerdeira) e unha parcela de chopo. Tamén están cultivadas sementes de distintas especies de carballos, freixos, pradairos e piñeiros.