Planificación e deseño das plantacións do castiñeiro de froito

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre planificación e deseño das plantacións do castiñeiro de froito. A acción formativa ten previsto desenvolverse o vindeiro venres 13 no salón de actos do concello de Parada de Sil en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.


Terá unha duración de 4 horas nas que se instruirá aos alumnos na planificación das plantacións segundo a súa variedade, a repoboación e o peche perimetral destas árbores, así como outras recomendacións como o rego ou a fertilización.

Deste xeito, o obxectivo principal desta acción formativa é complementar a formación dos produtores de castaña para mantelos ao día sobre novidades, investigación e tratamentos actualizados de doenzas, así como orientalos sobre as tendencias técnicas e de mercado.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal, tanto a nivel técnico como económico, mediante a oferta de cursos coma este.

Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.