Plan para a promoción da xeotermia en Galicia
A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega). O obxectivo desta colaboración, tal e como apuntou a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e máxima responsable do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Paula Uría, pasa por elaborar un plan conxunto para a promoción e o impulso desta enerxía renovable na Comunidade durante o período 2021-2023 e levar a cabo actividades de difusión, divulgación e formación relacionadas con esta tecnoloxía.
foto xoán crespo
29/07/2021
“O obxectivo é situar a Galicia como referente a nivel nacional, optimizando as grandes potencialidades do subsolo galego para os seus diferentes aproveitamentos térmicos”, indicou, ao mesmo tempo que recordou que o clúster xa ten colaborado en diversas ocasións co Goberno galego, como o protocolo para extender a marca Galicia Calidade ao sector da xeotermia.
Esta nova iniciativa enmárcase na aposta que está a facer a Xunta de Galicia en materia de enerxías renovables ao longo destes anos e, en concreto, á xeotermia a través de iniciativas como a Estratexia galega posta en marcha en 2015.
Así mesmo, a directora do Inega recordou que o Goberno galego destina este ano 2,65M€ a axudas para levar a cabo proxectos de enerxías renovables térmicas en empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións locais. Cifra que ascende aos 15,85M€ se se teñen en conta todas as convocatorias de enerxías renovables destinadas tanto aos cidadáns, como ás empresas, entidades sen ánimo de lucro, administracións locais e sector agrícola primario.
Todo co obxectivo de favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, fomentando a produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables para acadar así a eficiencia enerxética.