Plan de control de vendima

O principal obxectivo desta iniciativa, que está coordinada cos consellos reguladores vitivinícolas e dotada este ano cun orzamento de preto de 200.000 euros, é asegurar e preservar a calidade dos viños da nosa comunidade.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por terceiro ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia. Así, o control de parcelas e de rendementos xa empezou nestes días e a parte específica da vendima iniciarase cando estea dea comezo de xeito efectivo, estando prevista para mediados de setembro.
Este é un plan propio da Xunta, ao que destina este ano preto de 200.000 euros e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe.

Para este control, cóntase cun equipo -idéntico ao do pasado ano- formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).
No ano 2020 os inspectores realizaron o control sobre 4.170 parcelas, que corresponden a un total de 454 viticultores das diferentes denominacións. Durante a presente campaña realizaranse os mesmos controis que na anterior. Así, faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.

ADEGAS

Unha parte moi importante do control lévase a cabo durante a vendima con fin de verificar a entrada da uva nas adegas, a súa procedencia e a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades de uva de cada DO. Tamén se estimará a posible colleita para así ter información detallada e poder cotexar coa produción real que se entrega en adega.

Así mesmo, realizaranse controis terrestres de uva nas proximidades das adegas e nas vías de comunicación na contorna das parcelas de vendima. Tamén se controlarán os centros de acopio ou postos de compra-venda de uva que poidan existir no ámbito xeográfico de actuación, garantindo que estean dados de alta no respectivo consello regulador. Unha vez rematado o período de inspeccións, cos datos recollidos realizaranse informes técnicos, estudos estatísticos e comparativas.