Pilar Cavero e Emilia Díaz Losada, premiadas pola DO Ribeiro

Pilar Cavero, Mellor Sumiller de España 2013.
A sumiller, recoñecida pola o D.O. Ribeiro co Premio Muller e Viño 2022, súmase así á lista de premiadas en anteriores edicións, Mayte Santa Cecilia, Mónica Fernández, Sonia Prince de Galimberti, Isabel Mijares, Esther Daporta e Almudena Alberca.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que preside Juan Manuel Casares, distinguirá na próxima edición dos seus premios anuais a dúas mulleres vinculadas ao sector, a sumiller Pilar Cavero, galardoada co Premio Muller e Viño, e a investigadora Emilia Díaz Losada, recoñecida co Premio Ribeiro en Nós. Ambas recollerán os seus respectivos galardóns xunto ao resto de premiados o próximo 16 de xuño, no transcurso dunha gala que se celebrará no Centro Ágora da Coruña, ás 19.00 horas, e que reunirá por centos de invitados.

Ademais, no transcurso da gala farase entrega do Premio Persoeiro de Honra a Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía Radio e Televisión de Galicia, así como aos premiados cos galardóns Vida entre Vides, Mellor Tarefa de Comunicación, Mellor Servizo de Viño en Restaurante, Tenda Especializada - Vinoteca, e Taberna – Bar de Viños, que se darán a coñecer nos próximos días.

PILAR CAVERO, MELLOR SUMILLER

Considerada unha das mulleres máis influentes no sector e reputada consultora, catadora e divulgadora, Pilar Cavero conseguiu en 2013 o título de Mellor Sumiller de España pola Unión de Asociacións de Sumilleres de España (UAES), sendo nomeada ao ano seguinte ao Premio Nacional de Gastronomía como Mellor Sumiller pola Real Academia Española de Gastronomía. Logrouno sendo parte do equipo do afamado El Celler de Can Roca (tres Estrellas Michelin, e Mellor Restaurante do Mundo en 2013 e 2015) durante dous anos. Posteriormente e tras a súa etapa no restaurante dos irmáns Roca, Pilar Cavero traballou en diferentes tendas especializadas, como Lavinia en Madrid, e completou a súa formación co Nivel 2 e 3 da WSET e 1 e 2 de Master Sommelier en San Francisco. Actualmente, ademais de encargarse da crítica de viños de ABC, así como da elaboración da Guía dos Mellores Viños de España, dedícase á consultoría e á asesoría, compaxinando o seu labor como docente na Cámara de Comercio de Madrid e realizando catas anuais para a revista Decanter en Londres.

A sumiller, recoñecida pola o D.O. Ribeiro co Premio Muller e Viño 2022, súmase así á lista de premiadas en anteriores edicións, Mayte Santa Cecilia, Mónica Fernández, Sonia Prince de Galimberti, Isabel Mijares, Esther Daporta e Almudena Alberca.

EMILIA LOSADA, INVESTIGADORA

A investigadora Emilia Díaz Losada, actual responsable do departamento de Viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGAL), á que se incorporou en 2005, e coordinadora da investigación desenvolvida polo departamento, será distinguida co Premio Ribeiro en Nós, o segundo que entrega a D.O. Ribeiro tras premiar o pasado ano ao equipo da película Cuñados, da produtora Portocabo. O Consello Regulador recoñece así “as súas achegas para sentar as bases da viticultura galega do futuro”.

Emilia Díaz Losada, unha investigadora tenaz.

Doutora en Bioloxía e master en Viticultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo, Díaz Losada iniciou a súa carreira investigadora no ámbito da palinoloxía, aínda que sempre tivo inquietude pola investigación na área vitivinícola, centrando a súa investigación na caracterización das variedades de vide e na recuperación de variedades de cultivo tradicional que poden implicarse na produción de viños diferenciados, obtendo excelentes resultados.

Coordinadora do programa de Selección Clonal de variedades de Vide, Díaz apostou pola selección de clons de variedades tintas autóctonas galegas, centrando os seus esforzos nas variedades Brancellao e Sousón.

Ademais, a súa inquietude e afán por dar resposta ás demandas do sector leváronlle a iniciar e coordinar a liña de fitopatoloxía, centrada no estudo das enfermidades de madeira da vide, e a promover a creación dunha plataforma de avisos que implica a unha trintena de empresas vitivinícolas nas que leva a cabo o control e seguimento das enfermidades endémicas do viñedo.

Ente os retos máis importantes da súa actividade profesional destaca o promover a implicación de empresas do sector no I+D+i. Así desde o 2014 ata a actualidade coordinou 9 proxectos rexionais, 4 nacionais e 2 internacionais, implicando en todos eles distintos axentes do sector vitivinícola de Galicia.

Ademais dos recoñecementos a persoas e entidades, na gala tamén se premiarán os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, elixidos na cata oficial.

ACTIVIDADES

Do mesmo xeito que na pasada edición, o Consello Regulador da D.O. Ribeiro organizou un completo programa de actividades que darán comezo o día 13 na Coruña, a fin de achegar os viños da D.O. ao público.

Así, na sede de Afundación, do 13 ao 17 de xuño celebrarase o Túnel dos viños da D.O. Ribeiro, que permanecerá aberto ao público no salón Planta -1, en horario de 12.00 a 14.30 horas. Ademais, do 13 ao 15 tamén poderá visitarse en horario de tarde, entre as 19.00 e as 21.15 horas.

Por outra banda, no Centro Ágora e ao longo desa mesma semana, celebraranse diferentes catas nas aulas da 1ª Planta, en horario de 20.15 a 21.30 horas. A primeira delas, prevista para o día 13, centrarase nos treixadura, tanto brancos como tostados, e será conducida por Alejandro Paadín. O día 14 Alberto Varela dirixirá a cata de viños tintos de castes, mentres que ao día seguinte Nati Cid conducirá a cata titulada Viños de Mulleres. Tanto o túnel como as catas serán con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.

As actividades finalizarán o venres 17 co acto de clausura previsto para as 20.15 horas na sede Afundación, sendo o acceso ao mesmo con invitación, do mesmo xeito que para a gala de entrega de premios do día 16.