Personaxes de gandeiros e gandeiras galegos formarán parte das cabalgatas de Reis de seis concellos
Desde CLUN salientan que o obxectivo desta proposta é “darlle visibilidade ás gandeiras e gandeiros de Galicia porque o maior compromiso da nosa cooperativa é o rural”. Así, as cabalgatas de Reis destes concellos contarán este ano cun pasaxeiro moi especial nas súas carrozas, a personaxe dun gandeiro ou gandeira vestido coa roupa propia da cooperativa.
O gandeiro ou gandeira infiltrado en cada unha destas cabalgatas repartirá bolsiñas de lambetadas para os máis pequenos acompañando aos tres Reis Magos chegados de Oriente. Ademais, ao remate dos desfiles, agasallarase á rapazada con batidos de chocolate e con globos.
O debuxante galego Luis Davila deseñou un photocall para esta xornada festiva
Por outro lado, haberá un photocall creado particularmente para esta ocasión para CLUN polo recoñecido artista galego Luís Davila O Bichero, natural da localidade pontevedresa de Bueu. Trátase dunha viñeta protagonizada por gandeiros e gandeiras da nosa comunidade, co agro e o rural como protagonistas. A cooperativa quere animar deste xeito á cativada e tamén ás súas familias a que fagan un selfie de recordo desta xornada tan especial previa ao día de Reis.