O número de montes ou parcelas forestais con instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF) elevouse a 7.178 en 2019
A superficie de monte baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal acadou no ano 2019 as 262.175,96 hectáreas en Galicia, case un 8% máis ca no exercicio anterior. Así se desprende dos datos que manexa a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e que se poden consultar no Anuario de Estatística Forestal de Galicia.
Este incremento ten unha gran importancia para o eido forestal, xa que unha adecuada ordenación dos montes resulta fundamental para garantir a súa xestión sustentable, tanto dende o punto de vista ambiental como económico e social. Trátase de asegurar un correcto aproveitamento da riqueza forestal e ademais de xeito prolongado no tempo.
En Galicia existe un desenvolvemento legal propio que distingue diferentes tipos de instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) adaptados á estrutura da propiedade galega. Así pois, para montes de superficie suficiente, máis de 25 hectáreas -como son moitos dos montes públicos, montes veciñais en común ou montes de varas- débese optar por un proxecto de ordenación forestal, mentres que para pequenas superficies por baixo desas 25 hectáreas o máis axeitado son os documentos simples de xestión ou documentos compartidos entre varios propietarios para a xestión conxunta dos seus predios. Para pequenas parcelas (por baixo de 15 hectáreas), pódese optar por unha opción aínda máis simplificada, coa adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal.
Desas máis de 262.000 hectáreas baixo algún tipo de IOXF, a gran maioría corresponde a proxectos de ordenación (que abranguen un total de 251.286,99 hectáreas). Os documentos simples ou compartidos supoñen preto de 330 hectáreas e as adhesións a modelos silvícolas máis de 10.500 hectáreas.
No ano 2019 o número de montes ou parcelas forestais con instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF) elevouse a 7.178. Da superficie amparada por estas figuras, o 33,57% corresponde a Ourense e o 30,10% a Lugo.
En número, o distrito forestal con máis montes con IOXF corresponde ao VI A Mariña Lucense (2.259), e en canto á superficie, é o Distrito XIV Verín-Viana o que ocupa a primeira posición (49.173,01 ha).
Respecto a 2018, no 2019 incrementouse un 7,78% a superficie de monte que conta con proxectos de ordenación. É salientable o incremento do 27,26% na superficie de monte que foi inscrita pertencente a MVMC de xestión privada. Especificamente, no caso de documentos simples ou adhesión a modelos silvícolas, o incremento respecto ao ano 2019 foi dun 18,30% e 41,44%, respectivamente. Este tipo de instrumentos máis simples e adaptados a pequenas superficies están comezando a ser escollidos maioritariamente polos silvicultores galegos.
Tomando en consideración que a superficie forestal de Galicia sitúase nas 2.040.754 hectáreas (IV Inventario Forestal Nacional), a superficie ordenada ascende a un 12% dese total no ano 2019.
CERTIFICACIÓN
Este tipo de instrumentos son obrigados para poder obter a certificación forestal por calquera sistema de certificación, sexa PEFC ou FSC, permitindo deste xeito que os produtos do monte galego posúan dita etiqueta que informa da xestión forestal sustentable dos terreos.
A certificación forestal serve, así, como medida de concienciación medioambiental, posto que informa ao consumidor de que produtos proveñen de montes xestionados de forma sostible, como a madeira, a carne, a castaña ou os cogomelos. Polo tanto, trátase dunha ferramenta de mercado que favorece a exportación dos produtos forestais, ao conter un valor engadido que beneficia a súa demanda. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con preto do 60% do volume de cortas en España.
Por estas razóns, a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de publicar, o pasado 13 de febreiro de 2020, unha orde de axudas para a elaboración dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, cun importe de 6 millóns de euros, sendo esta a convocatoria máis importante para esta actuación publicada pola Xunta de Galicia.
A finalidade desta liña de achegas é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte.Imaxes relacionadas