O Monte Aloia xa ten voluntarios para a súa conservación
As directoras xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitaron este sábado á vintena de persoas que están participando no programa de voluntariado Proxecto Lewo que realiza tarefas de conservación no Monte Aloia.
As directoras xerais compartiron coas mozas e mozos parte
da súa fin de semana de actividades na que realizaron diferentes accións
voluntarias como a eliminación de malas herbas ou unha ruta pola contorna.
Cristina Pichel destacou que se trata dun programa que fomenta
o respecto pola natureza e os espazos naturais ao mesmo tempo que implica á
xuventude de forma activa sobre o seu coidado e protección. Neste sentido,
sinalou que as 370 prazas que se ofertan nesta edición permitirán que as mozas
e mozos poidan coñecer de preto os lugares de máis interese medioambiental da
comunidade.
Así mesmo, a directora xeral de
Patrimonio Natural, Belén do Campo, incidiu na importancia que ten o
proxecto Lewo de cara a acadar un dobre obxectivo: sensibilizar e concienciar á
sociedade sobre o valor do patrimonio natural galego a través das accións que
se realizan nestes espazos, e promover entre a xuventude o chamado voluntariado
medioambiental, co fin de lograr a súa implicación activa na tarefa de
“conservar e protexer a riqueza única” de Galicia.
Neste sentido, enmarcou a liña de colaboración
existente desde fai anos entre as consellerías de Política Social e de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda, un bo entendemento que resulta fundamental,
engadiu, para “coidar e conservar un dos nosos maiores tesouros”.
PRAZO ABERTO
Desta maneira, lembraron que continúa aberto o prazo de inscrición para os interesados en participar este ano neste proxecto da iniciativa europea Lewo, que celebra actividades de voluntariado todos os fins de semana ata xuño.
As actividades realizaranse no Parque
Nacional das Illas Atlánticas; en cinco dos seis parques naturais de Galicia (Baixa
Limia- Serra do Xurés, Monte Aloia, Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro e
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán); así como en dúas das
seis reservas da biosfera da comunidade (As Mariñas Coruñesas e Terras de
Mandeo, e Terras do Miño), e na Ribeira Sacra.