O lobo no Lesrpe?
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xunto coas comunidades de Asturias, Cantabria e Castela e León, vén de solicitar o aprazamento da reunión do Grupo de traballo do lobo ata que non se aclaren as circunstancias e irregularidades que se produciron na última reunión da Comisión Estatal para o patrimonio Natural e a Biodiversidade, celebrada o pasado 4 de febreiro.
Así llo traslada a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, Jorge Luís Marquínez García, despois de recibir un correo electrónico do Comité de Flora e Fauna Silvestre e do Grupo de traballo do lobo, coa convocatoria a unha reunión técnica para mañá, mércores 10 de febreiro, en base ao cumprimento dos acordos adoptados na Comisión Estatal.
Nese sentido, as rexións ao Norte do río Douro, consideran que dito acordo é unha proposta, non un acordo, que non da por finalizado o procedemento administrativo e que ademais presenta unha serie de irregularidades que deben ser corrixidas.
Tal e como vén denunciando a Xunta de Galicia, estas irregularidades afectan tanto á tramitación do procedemento, como á celebración da última Comisión estatal, xa que o propio Ditame emitido polo Comité Científico sinala “a ausencia de criterios obxectivos para a inclusión de especies no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial” (Lesrpe).
Así, a Xunta de Galicia súmase ás accións e medidas que as comunidades do Norte do río Douro (Asturias, Cantabria e Castela e León) emprenden para frear a inclusión do lobo no Lesrpe.
Estas rexións, que albergan máis do 95% dos lobos de España, defenden que esta decisión estatal carecer de fundamento técnico e científico e vulnera as competencias exclusivas en materia de caza das Comunidades Autónomas, pois a propia normativa comunitaria permite que as poboacións de lobo ao norte do Douro poidan ser xestionadas con normas cinexéticas.