O Instituto Español de Oceanografía podería integrarse no Consello Superior de Investigacións Científicas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o labor do Instituto Español de Oceanografía (IEO) como centro estratéxico na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego e español e volveu pedir ao Goberno central que rectifique o seu plan de integralo no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) pois suporía o seu desmantelamento.
A titular de Mar defendeu a postura de Galicia sobre este asunto durante a súa participación de xeito telemático na reunión do Consello Reitor do IEO, onde expuxo que as decisións adoptadas polo Estado en relación con este organismo son unha mala noticia para a comunidade galega e para o conxunto do sector pesqueiro español.
Rosa Quintana volveu mostrar o desacordo do Executivo galego cos plans do Goberno central sobre este centro ao igual que fixo desde o primeiro momento en sendas misivas enviadas aos ministros de Pesca, Agricultura e Alimentación, Luis Planas, e Ciencia, Pedro Duque, así como nun escrito enviado xunto con varias entidades representativas do sector pesqueiro español solicitando unha reunión co ministro de Ciencia ou na xuntanza mantida a semana pasada por videoconferencia coa secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz. Estas xestións súmanse ás realizadas polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se dirixiu especificamente ao presidente do Goberno central para mostrar a súa preocupación por este asunto.
Galicia -que acaba de recibir por carta unha resposta do ministro de Ciencia ao escrito enviado pola Xunta e por distintas asociacións do sector na que ratifica a decisión do Estado de integrar o IEO no CSIC- entende que a dilución do instituto oceanográfico xunto a outros organismos públicos de investigación así como a súa perda de autonomía irán en detrimento da función de asesoramento que ten o centro, especialmente na función de valoración do estado de saúde no que se atopan as pesqueiras de interese para a frota galega.
De feito, o Executivo galego considera que o organismo -que conta con máis de 100 anos de historia- ten un papel fundamental no desenvolvemento da investigación mariña, no seguimento do estado das especies de interese para España e na defensa dos intereses da frota galega e nacional ante as institucións europeas pois a aportación de informes que avalan o estado dos recursos é de vital importancia na toma de decisións sobre a xestión dos caladoiros.
Por iso, a titular de Mar volveu reiterar, esta vez no marco do Consello Reitor do IEO, a súa solicitude ao Goberno do Estado para que reverta o desmantelamento do centro e que poida seguir desenvolvendo o seu importante labor para apuntalar a investigación mariña e o seguimento das especies pesqueiras de interese para España.