O Instituto de Medicina Legal de Galicia realizou en 2019 máis de 23.300 informes periciais médicos, psicolóxicos e sociais
O director xeral de xustiza, Juan José Martín, e a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Beatriz Otero, presentaron hoxe en rolda de prensa o balance de actividade do Imelga durante o ano 2019, tanto no ámbito da clínica forense -que abarca as pericias demandadas polas autoridades xudiciais- como no de patoloxía forense -que se dedica a investigación das causas e circunstancias da morte-. A memoria pode consultarse na web da Xunta.
Así, dentro do ámbito da clínica forense, o Instituto realizou durante o ano pasado un total de 23.398 informes periciais: médicos, psicolóxicos e sociais. A maioría corresponderon á pericia médico-forense (19.564), seguida da psicolóxica (2.108) e da de traballo social (1.726).
Como en anos anteriores, na pericia médica as valoracións máis demandadas foron as relacionadas con lesións, cun total de 8.011; e as de valoración psiquiátrica (incapacidade, internamento ou drogadicción, entre outras), con 7.588.
No caso dos psicólogos e traballadores sociais, a pericia conxunta -como equipo psicosocial- segue a ser a actividade máis solicitada (ao redor de 1.400 pericias). Aínda así a pericia psicolóxica e social no ámbito penal segue amentando cada ano.
Cómpre destacar tamén o traballo realizado polas unidades de valoración integral de violencia de xénero, que están integradas por un médico forense, un traballador social e un psicólogo. Durante o ano 2019 realizaron 243 intervencións.
PATOLOXÍA FORENSE
Como se indicaba anteriormente, o servizo de Patoloxía Forense encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. En 2019 a súa actividade incrementouse lixeiramente con respecto ao 2018. Así, en 2019 os médicos e auxiliares do Imelga realizaron 2.008 autopsias, fronte ás 1.972 de 2018. Deste total, 1.074 foron por morte natural e 934 por morte violenta.
Un ano máis, no caso das mortes naturais, a patoloxía máis numerosa foi a cardiovascular, que supuxo o 74% do total. Nestes casos a morte preséntase de forma súbita, en persoas sanas, polo que en moitas ocasións derívanse á investigación xudicial aínda que non haxa sospeita de criminalidade. A continuación, e con moita diferenza, sitúanse outras causas como patoloxías respiratorias ou dixestivas.
En canto ás mortes violentas, as máis frecuentes foron as accidentais con 599 casos, que supuxeron o 64% dos casos. A maioría das mortes accidentais foron causadas por traumatismos de distinto tipo, fundamentalmente por caídas fortuítas ou accidentes de tráfico. Logo das mortes accidentais, seguiron en importancia os suicidios, con 318 casos, un 10,4% máis que en 2018, aínda que supón tamén a segunda mellor cifra desde 2012. E, por último, sitúanse os homicidios, con 17 casos. Cómpre destacar que, neste último punto, rexistrouse un importante incremento con respecto a 2018: houbo 8 homicidios máis, aínda que hai que ter en conta que en 2018 tíñase rexistrado a cifra máis baixa de homicidios dos últimos oito anos.
ACCIDENTES DE TRÁFICO
O IMELGA realiza un estudo específico das vítimas mortais en accidente de tráfico. En 2019 foron un total de 131 persoas, o que supón un descenso do 5% con respecto aos datos rexistrados en 2018.
Segundo os datos, as vítimas máis numerosas continúan sendo homes (67,17%), fronte ás mulleres (32,8%). Con todo, a porcentaxe de mulleres vítimas de accidente de tráfico aumenta con respecto ao 2018 e sitúase por primeira vez desde 2015 por riba do 30%.
A diferencia entre sexos non se limita tan só á cifra, senón que tamén se traslada aos tipos do sinistro: a maioría das mulleres faleceron por causa de atropelos ou circulaban como ocupantes, xa que as condutoras foron só o 25,5% das falecidas. Pola contra, o 60,2% dos homes falecidos eran condutores. Por idade, a mortalidade en accidentes de tráfico aumentou no grupo de entre 15 e 20 anos e de xeito moi importante entre os 75 e os 84 anos.
En canto á modalidade do accidente, a saída da vía e a colisión entre vehículos foron as causas máis frecuentes, ao igual que en anos anteriores. Ademais, atopouse alcohol ou drogas en 24 dos falecidos: 23 homes e só unha muller.
COLABORACIÓN CO SERGAS
Durante a rolda de prensa, a directora do Imelga fixo tamén referencia a que este ano 2020, durante o confinamento e o Estado de Alarma, os médicos forenses do Instituto colaboraron co Sergas para axudar na certificación de mortes naturais no domicilio e liberar así dunha parte do traballo a atención primaria. En concreto, esta colaboración estendeuse desde o 6 de abril ata o 17 de maio, cando se reactivou a xustiza. Durante este período, o Imelga certificou 367 mortes no domicilio, por distintas patoloxías. Ademais, seguiu desenvolvendo as súas funcións habituais coa atención ás mortes xudicializadas, que ascenderon a 134 neste período de tempo.
O IMELGA
O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela. Entre o seu persoal, conta con médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios administrativos e auxiliares de autopsia.