O forno tradicional da Caridade

Os traballos enmárcanse no programa de proxectos senlleiros impulsados pola Agader e formalizaranse mediante un convenio de colaboración co Concello.

A Consellería do Medio Rural investirá un total de 44.453 euros na rehabilitación do forno tradicional situado no lugar da Caridade, no municipio ourensán de Monterrei. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe este elemento patrimonial, que será recuperado dentro do programa de proxectos senlleiros impulsados pola Agader. Esta achega formalizarase mediante un convenio de colaboración co Concello de Monterrei.

Así, proxéctase a intervención sobre unha edificación de indubidable interese arquitectónico e patrimonial, moi singular por tratarse dun forno comunal, co fin de proceder a súa recuperación e valorización. A Caridade é unha aldea situada na parte suroeste do monte Outeiro Bacelos, na que se atopa o Santuario homónimo, que é un dos máis populares da comarca de Verín. Na contorna do lugar atópanse ademais outros importantes elementos, como un pequeno souto, un cruceiro, un lavadoiro e outras pezas da arquitectura popular.

A produción de cereais nesta comarca de Monterrei foi historicamente relevante e hoxe en día segue a selo, xunto coa produción vitivinícola amparada pola correspondente denominación de orixe. Os fornos comunais dos que o da Caridade é un bo exemplo eran moito mais grandes cos individuais, porque eran usados por todos os veciños do lugar. Estas instalacións eran construídas por toda a aldea ou, cando menos, por todos os veciños que as utilizaban.

Segundo explicou a directora da Agader, trátase, en definitiva, de recuperar un elemento da arquitectura tradicional e popular galega e, polo tanto, do patrimonio rural. Inés Santé engadiu que ao tempo supón poñer en valor a tradición da elaboración de pan en forno de leña, así como o costume social que tal actividade leva implícita, converténdose a edificación en lugar de encontro da veciñanza.

OFERTA CULTURAL

Este tipo de proxectos senlleiros impulsados pola Agader procuran mellorar os espazos do medio rural, así como o nivel de vida da súa poboación incrementando a oferta de ocio, deporte, cultura ou calquera outro servizo básico á súa disposición. Tamén buscan promover a vida en comunidade nos núcleos rurais e mellorar a estrutura do territorio mediante a valorización de distintas infraestruturas, así como potenciar e poñer en valor elementos da identidade colectiva que sirvan para o recoñecemento e vinculación dos veciños co lugar onde residen.

Mediante estes convenios de colaboración asinados cos concellos galegos, non só se busca recuperar e poñer en valor elementos do patrimonio natural, cultural e etnográfico senón, ao tempo, xerar riqueza e emprego, elementos claves para fixar poboación no rural.