O DOG publica tres liñas de axudas para vítimas de violencia de xénero dotadas con máis de 6 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe tres liñas de axudas dirixidas a atender ás vítimas da violencia de xénero, que suman un investimento de algo máis de 6 millóns de euros.

A primeira resolución é a das prestacións periódicas, destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e vítimas de violencia vicaria, é dicir, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador.

Para esta convocatoria, dispoñen dun orzamento de máis de 5,3 millóns de euros, o investimento máis alto desde a posta en marcha destas axudas en 2006. O prazo de solicitude para estas axudas está aberto durante todo o ano. A axuda consiste nunha contía económica periódica de carácter mensual, que oscila entre os 200 e os 800 euros, en función dos ingresos da persoa beneficiaria, dos fillos ou fillas menores en acollida ao seu cargo ou se padece algún tipo de discapacidade.

A segunda resolución convoca as axudas de pagamento único e indemnizacións para 2020. As axudas de pagamento único están dirixidas ás vítimas de violencia de xénero que acrediten insuficiencia de recursos e dificultades especiais para obter un emprego; mentres que as indemnizacións están destinadas a aqueles casos nos que se teña incumprido por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que esta estea fixada por sentenza xudicial.

O orzamento das axudas de pagamento único ascende a 600.000 euros; mentres que o destinado á indemnización é de 55.000 euros. A contía das axudas de pagamento único varía desde o equivalente a seis meses do subsidio de desemprego vixente ata os 24 meses, en función das circunstancias familiares e de renda. A indemnización será a fixada por sentenza xudicial, cunha contía máxima de 6.000 euros.

Estas dúas convocatorias -prestacións periódicas, así como pagamento único e indemnizacións- teñen como obxectivo garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou no caso das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, da persoa que mantivese con ela unha relación de dominación, de xeito que se lles facilite dar o primeiro paso para romper con esa situación de violencia.

Por último, o DOG publica hoxe tamén a orde de axudas destinadas a menores orfos vítimas da violencia de xénero e ás vítimas gravemente feridas. Poderán ser beneficiarios os fillos e fillas menores de 30 anos das vítimas mortais que dependen economicamente da vítima e/ou do agresor; así como as mulleres que resultasen gravemente feridas Trátase dunha medida que dá ademais cumprimento aos obxectivos fixados no Pacto de Estado. Estas axudas dispoñen dun orzamento global de 70.000 euros, cun importe fixado para cada persoa beneficiaria de 7.000 euros.

Cómpre lembrar que todas as liñas de axudas que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia poderán ver ampliado o seu orzamento se fose necesario.